Zara fundamentaba a súa negativa a concederlles os permisos no feito de que as dúas traballadoras non eran delegadas sindicais nin tampouco do Comité de empresa. Porén, a sentenza do TSXG desbarata esta argumentación e estima que a conduta patronal constitúe unha vulneración do dereito á liberdade sindical.
A presente resolución xudicial sinala que a lexitimación para a negociación colectiva corresponde aos sindicatos e non aos representantes unitarios dos/as traballadores/as cando o ámbito dos convenios é superior á empresa, como acontece neste caso, que é provincial. Por tanto, as centrais poden designar as persoas que consideren convenientes para participar nas negociacións.