Este calendario, explican, foi imposto unilateralmente, non está negociado, modifica o xa existente e ignora o estabelecido tanto no Estatuto dos Traballadores/as como no Convenio Colectivo de aplicación, a respecto da obriga por parte da empresa e o dereito do persoal a coñecer o inicio do período vacacional con dous meses de antelación. Aclarar que o primeiro período de vacacións, segundo a información entregada hoxe, comezará o vindeiro martes, 1 de marzo.
“Cabe sinalar ademais que, por si xa fose pouco os termos da comunicación entregada este venres ao Comité, mesmo é máis grave que parte do persoal supostamente afectado polo inicio do seu período de vacacións nin sequera sabe nada, pois a Dirección de empresa non entregou comunicación aos traballadores/as afectados/as”, explican.
O Comité entende que esta fraudulenta actuación responde ao interese da dirección de FC-Alimentación de pechar as instalacións do matadoiro durante meses, aproveitando que, por mor do auto do Xulgado do Mercantil 1 da Coruña, o persoal de Frigoríficos Conchado (Fricosa) comeza a partir deste sábado a regulación temporal durante tres meses.
Outro feito que avala o interese da dirección de empresa de pechar as instalación dende xa é o feito de que nestes intres o Director Comercial e Xefe de Ventas, Emilio Conchado, estea avisando telefonicamente aos clientes de que a partires da vindeira semana xa non se lles servirá.
Do mesmo xeito, a parte social denuncia “a incapacidade manifesta da empresa” para promover un acordo a respecto da situación do persoal de FC-Alimentación e amosa a súa preocupación por este tipo de actuacións, “que non resultan positivas para ningunha das partes”.
Ao mesmo tempo, o Comité e as organizacións sindicais con representación na empresa lamentan que este tipo de prácticas tan absolutamente ilegais veñan amparadas polo asesoramento dos avogados e asesores, cando, en todo caso, deberían ser os primeiros en facer desistir a empresa de pór en marcha estas actuacións fraudulentas.