Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 25/2/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Vertifil volve despedir a un traballador por motivos ideolóxicos

Os delegados e delegadas da CIG na empresa denuncia a persecución que practica a dirección contra afiliados ou simpatizantes da central sindical
Os delegados e delegadas da CIG en Vertifil, do Grupo Celtic, veñen de denunciar un novo caso de persecución contra afiliados/as ou simpatizantes da central sindical. Se hai uns meses a empresa despedía a unha traballadora por ter participado nunha manifestación da CIG durante a folga xeral de setembro, nesta ocasión o acoso prodúcese contra un traballador que formou parte da candidatura da central sindical, que acaba de ser despedido.

A continuación reproducimos á integra o comunicado emitido pola sección sindical da CIG en Vertifil:

Hai só uns meses denunciabamos o despido dunha compañeira por motivos políticos e ideolóxicos, nun caso claro de represión sindical. A Dirección de Vertifil emprendera un acoso contra a CIG e buscaba un “despido exemplarizante”, malia recoñecelo improcedente. No seu momento convocáronse por parte deste sindicato mobilizacións e accións de protesta para dar a coñecer que se trataba dun despido inxusto. Hoxe, aquel caso está no xulgado logo de que a empresa se negara a chegar a ningún acordo no SMAC.

Cunha dirección absolutamente desnortada e con continuas contradicións internas (demostradas en varias reunións con este Comité de Empresa), Vertifil adoptou unha política de contratación que precariza as condicións de traballo e que a CIG vén denunciando reiteradamente. Rexistrouse un recorte de persoal moi notábel nos últimos meses malia manter unha carga de traballo semellante ou mesmo superior. Producíronse dende aquela tres despidos máis e numerosas baixas por fin de contrato temporal. A maiores de todo isto, a política represiva contra a CIG e contra os/as traballadores/as que secundan habitualmente as nosas posturas non deixaron de ir en aumento.

O último deles tivo lugar a semana pasada. Trátase dun compañeiro que facía parte da candidatura da CIG nas anteriores eleccións sindicais e recoñecidamente afín, que igual que outro/as, amosara sempre unha actitude reivindicativa e de apoio ás medidas deste sindicato incluída a Folga Xeral do 27 de xaneiro. De novo, o fondo deste despido ten cuestións puramente ideolóxicas e nunha actitude que raia a persecución cando estamos a menos dun ano para as próximas eleccións sindicais.

Mediante unha práctica absolutamente abusiva dende a posición dominante que o diñeiro lle dá, Vertifil tentou mercar o silencio do compañeiro despedido para evitar un proceso xudicial máis. O traballador, como é sabido, dispón dun prazo legal para tomar as decisións que considere oportunas.

Con este último despido o efecto que se persegue por parte de Vertifil é dobre: 1) sementar o medo entre o persoal para que non exerza os seus dereitos (dende o goce dun permiso retribuído que lle corresponda até o non coller baixa médica aínda que a precise); e 2) continuar coa política de acoso a este sindicato e aos seus representantes buscando illarnos e impedir así a nosa función.

Estamos polo tanto diante un caso de suma gravidade ante o que a CIG non quedará calada (como fai o outro sindicato con presenza no Comité de Empresa) e adoptará as medidas que considere. De entrada facendo pública esta situación e aclarándolle a quen queira entender que ese non é camiño, pero que a nós non nos calarán.

CIG-Vertifil

cig.prensa@galizacig.com