Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 25/4/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Ramiro Oubiña e Suso Seixo na rolda de prensa.

A CIG denuncia as consecuencias do neoliberalismo e exixirá, no Primeiro de Maio, un modelo socioeconómico xusto

Reitera a necesidade de acadar a soberanía nacional
A Confederación Intersindical Galega vén de presentar publicamente a campaña do Primeiro de Maio, Día do Internacionalismo Proletario, que se conmemora desta volta baixo o lema "Por un modelo socioeconómico xusto e sustentábel. En defensa da soberanía nacional".
Suso Seixo, Secretario Xeral da CIG.

Suso Seixo, secretario xeral da CIG, explicou que este ano a central sindical acordou fixarse como obxectivo a reivindicación dun outro modelo socioeconómico ‘xusto e sustentábel’ diante da actual situación de crise económica. Unha crise do modelo neoliberal provocada polo propio sistema que constata agora a súa ‘perversidade’ e que é contrario aos intereses da clase traballadora.

Seixo denunciou que este modelo socioeconómico ten como finalidade, exclusivamente, maximizar os beneficios empresariais a costa de reducir a capacidade adquisitiva dos traballadores/as, de fomentar un crecemento non en base á economía produtiva senón financeira, promovendo o consumo en base ao crédito e provocando, en consecuencia, o endebedamento das familias.

O secretario xeral da CIG lamentou tamén que nesta voráxine especulativa e de enriquecemento rápido o Estado favorecera a privatización masiva de empresas públicas de sectores estratéxicos, como o enerxético ou as telecomunicacións, e servizos públicos como o ensino ou a sanidade. Ademais denunciou que se favorecera a especulación co sistema público de pensións, que xa ten padecido numerosas reformas de cara á súa privatización.

Pero estes non son os únicos elementos nos que a CIG centra as súas críticas e as súas demandas neste Primeiro de Maio. Seixo denunciou tamén a preocupante perda de progresividade dos impostos que prexudica ás rendas máis baixas; a redución do peso dos salarios no PIB, provocado pola sinatura reiterada de acordos de contención salarial asinados por CCOO e UGT coa Patronal; a desregulamentación e flexibilización das condicións de traballo e mesmo o dumping social respaldado por acordos europeos que permiten que traballadores que van desenvolver a súa actividade a países con rendas máis altas sigan traballando nas mesmas condicións que nos seus países de orixe, como é o caso dos traballadores portugueses que están agora a traballar en Galiza en condicións laborais inferiores ás dos galegos.

Esta situación promovida polo sistema neoliberal, favoreceu que o capital financeiro e especulativo acumulara inxentes beneficios "a costa de levar á pobreza e, en non poucos casos, mesmo á ruína a sectores moi importantes da poboación".

Medidas

Por iso, Suso Seixo lembrou que a CIG aposta por un modelo alternativo, e que a central sindical tense pronunciado nos seus Congresos a prol do socialismo. Porén, dada a conxuntura actual, a CIG defenderá, cando menos a aplicación de medidas que impidan que a actual situación se reproduza. Así sinalou como prioritario mudar a política fiscal de cara a garantir que é realmente progresiva; reducir o IVE nos produtos de consumo básicos e incrementalo nos de luxo; aumentar os impostos sobre o capital; desenvolver políticas de vivenda que favorezan o acceso a unha vivenda digna á clase traballadora, sen que se vexa obrigada a hipotecar o seu salario de por vida; que se eliminen os paraísos fiscais.... "Mudar, polo tanto, a tendencia actual, que é xustamente a contraria. Non pode permitirse que o sistema financeiro estea montado en función da especulación, nin que se especule con produtos básicos como os cereais ou os alimentos".

Responsabilidade da caixas de aforros

O secretario xeral da CIG apostou por defender e reforzar o sistema produtivo galego. Para iso reivindicou que as caixas de aforro galegas cumpran o papel para o que estaban concibidas porque, dixo, "non poden converterse nuns elementos máis da especulación co aforro galego no mercado financeiro, cando os sectores produtivos galegos están necesitados dun importante respaldo económico para poder ser realmente competitivos no mercado internacional e crear postos de traballo no noso país, que son moi necesarios".

Defensa da soberanía política de Galiza

O segundo lema no que a CIG centra as súa campaña do Día Internacional da Clase Traballadora refírese a unha reivindicación constante do sindicalismo nacionalista: a soberanía nacional. Respecto deste lema, Seixo afirmou que a defensa da soberanía de Galiza non é só unha demanda dunha perspectiva ideolóxica, senón unha necesidade para poder dirixir o desenvolvemento económico e social de Galiza dede unha perspectiva galega e en función dos intereses do propio pobo galego.

Nuns mercados cada vez máis globalizados, onde as políticas económicas e mesmo sociais veñen derivadas de institucións de ámbito internacional como BM, FMI, OMC, UE... "parécenos que é fundamental ter un Parlamento plenamente soberano que puidera lexislar en calquera materia: económica, ambiental, cultural... para poder ter máis mecanismos de defensa e defendérmonos deste tipo de políticas neoliberais que nos veñen impostas".

cig.prensa@galizacig.com