Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 25/5/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Subdelegación comprométese a crear unha comisión para avaliar o caso dos traballadores/as da Capitanía Marítima de Burela

A CIG na Administración do Estado iniciou xestións para rematar co acoso que sofren tres funcionarios/as por usar o galego
Dende outubro de 2008 un funcionario e dúas funcionarias da Capitanía Marítima de Burela, establecemento dependente do Ministerio de Fomento, veñen sufrindo unha serie de represalias, por parte dos seus superiores, por utilizar a lingua galega no seu centro de traballo e por demandar que se cumpran, nesta materia, a Constitución, o Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística. Dende o sector da Administración do Estado véñense levando a cabo unha serie de iniciativas para pór fin a esta situación e acadouse o compromiso da Subdelegación do Goberno de crear unha comisión de seguimento.
De esquerda á dereita: Xorxe Caldeiro, secretario comarcal da CIG de A Mariña; María José Novoa, de Comisións Obreiras: os tres traballadores afectados: Carmen Pereiro, Manuela Arias e Brais Fernández; e o presidente da Mesa, Carlos Callón.

“Se o acoso laboral é inadmisible, o é máis, cando este é xerado polo responsábel dunha Administración Pública, por que algúns dos seus traballadores/as esixen o cumprimento das Leis. O mundo ao revés!”, sinálase nun comunicado da CIG-Administración do Estado.

Dende o sector da Administración do Estado da CIG tamén destacan que neste tempo viñéronse levando a cabo unha serie de iniciativas con fin de que rematase esta intolerábel situación, como foron:

- Reunión co anterior Subdelegado do Goberno en Lugo.

- Información do asunto na Mesa Delegada de Negociación do Ministerio de Fomento.

- Entrevistas co Director Xeral da Marina Mercante.

- Reunión co novo Subdelegado do Goberno, xunto con dous Subdirectores Xerais do Ministerio.

- Reunión na Capitanía Marítima dos traballadores, representante da CIG e representantes do Ministerio cos responsables do centro.

En todas estas reunións os responsables políticos, admitindo a gravidade do problema, comprometíanse a darlle solución, sen que, de momento, esta chegase. Concretamente, na última que se mantivo co Subdelegado do Goberno, acadouse o acordo de crear unha comisión de seguimento na que están os representantes dos traballadores, responsábeis do Ministerio e o propio Subdelegado.

“Agardamos que estas iniciativas dean finalmente froito e cese definitivamente a intolerable situación laboral que están a sufrir estes compañeiros. Dende a CIG manterémonos vixiantes e non toleraremos que se sigan dando estas situacións, e menos, cando a súa orixe esta nun dereito irrenunciable como é o uso da lingua galega”, advirten.

Nova relacionada

cig.prensa@galizacig.com