Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 25/5/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Os sindicatos denuncian que a eliminación de 106 prazas nos Xulgados do país afondará no deterioro do sistema xudicial

Dende a CIG advirten que co incremento de taxas o PP quere instaurar “unha Xustiza só para ricos”
Os sindicatos CIG, CCOO e CSIF denunciaron hoxe a amortización (eliminación) de 106 prazas de persoal funcionario nos Xulgados o país, o que “afondará no deterioro do sistema xudicial”, de igual xeito que a redución do número de partidos xudiciais. Ao mesmo tempo, consideran que co incremento das taxas o Goberno español pretende instaurar “unha Xustiza só para ricos”.
Na foto, de dereita a esquerda, Xosé Barreiro, responsábel do sector de Xustiza da CIG-Administración; o representante de CCOO; e o representante do CSIF.

Representantes das tres centrais compareceron este mediodía en rolda de prensa nos Xulgados de Vigo para criticar a “reordenación do cadro de persoal” que está a levar a cabo a Dirección Xeral de Xustiza e a actitude do seu titular despois de que o Boletín Oficial do Estado recollese onte a amortización (eliminación) dun total de 106 prazas en Galiza. Neste senso, lembran que esta mesma semana mantiveron dúas mesas de diálogo coa Administración galega, “polo que non entendemos por que temos que coñecer decisión polo BOE”.

Ao mesmo tempo, censuran a falta de rigor do responsábel da Dirección Xeral de Xustiza, “que prometeu que non habería amortización de prazas até que non se negociase o plan de reordenación do persoal”. A amortización significa que as vacantes que deixen os funcionarios que se xubilen, ascendan ou soliciten o traslado non serán cubertas.

“O que pretenden é deteriorar progresivamente os servizos públicos para xustificar a súa privatización”, indican, e poñen como exemplo o que está a suceder tamén co persoal laboral dos Xulgados: “no colectivo de limpadoras/es, por exemplo, tampouco se cubrirán as baixas este verán, e xa estamos a ver como se deixa este servizo en mans de empresas privadas”.

Aumentar postos libre designación

Nesta liña, indican que o que non pode facer a Xunta é dicir que se van cobrar taxas e reducir persoal “é o mesmo tempo que vai mellorar o servizo os cidadáns/ás”. Os cartos que se aforrarán con esta administración de prazas -critican- irán destinados a sufragar a creación de novos postos de libre designación.

En canto o incremento de taxas xudiciais, sosteñen que se trata dun xeito de evitar que as persoas con menos recursos cheguen os tribunais para reclamar pequenas contías. “En definitiva, instaurar unha Xustiza só para ricos”, censuran.

Finalmente, sinalan que se trata dunha medida improvisada, economicista (porque só busca reducir o gasto) e electoralista, “xa que pretenden lanzar a mensaxe de cara ás vindeiras eleccións e que están a aforrar racionalizando os servizos públicos, cando o que fan é destruílos”.

cig.prensa@galizacig.com