Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 25/6/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG de Lugo estuda presentarse como acusación particular no caso do último accidente laboral rexistrado na cidade

Un traballador de Mármoles Traseira faleceu nun sinistro, mentres que outro resultou gravemente ferido
A CIG de Lugo manifestou a súa indignación por un novo accidente mortal acontecido no barrio lucense de As Gándaras o día 23 de xuño. De feito, a central estuda presentarse como acusación particular e reclama ás administracións que aclare as causas do sinistro, así como a aplicación rigorosa da normativa vixente, a fin de evitar que se repitan sucesos “tan lamentábeis” como o acontecido o martes, e que supuxo o falecemento dun traballador e que outro resultase ferido de gravidade.

No momento do accidente dous traballadores da empresa Mármoles Traseira dispúñanse a trasladar de fachada unha estada metálica, momento no que contactou cunha liña eléctrica de media tensión. A consecuencia do choque eléctrico un dos traballadores resultou ferido de gravidade, polo que foi trasladado á Coruña con queimaduras importantes, e o outro faleceu debido aos danos producidos pola corrente eléctrica.

"Dende a CIG agardamos que dende as administracións competentes se realice o maior esforzo por aclarar as causas do accidente e igualmente se aplique a maior rigorosidade na aplicación da lexislación co fin de evitar a repetición de sucesos tan lamentables coma este, do mesmo xeito estudamos presentarnos como acusación particular. Así mesmo, queremos trasladar todo o noso apoio aos compañeiros e familiares das vítimas”, sinalan dende a CIG de Lugo.

Falta de formación

Unha vez máis, o ocorrido podería evitarse de terse cumprido co establecido na lexislación vixente. A estada constaba de tres alturas e non se gardou a distancia regulamentaria ás liñas eléctricas, xa que de feito a altura da estada superaba a altura da propia liña eléctrica.

Por outra banda, dende a CIG de Lugo sinalan que todo parece indicar que a empresa non impartira aos traballadores a formación requirida para as operacións que se estaban a realizar.

Deste xeito, a normativa prevé que antes de iniciar traballos en proximidade de elementos en tensión un traballador capacitado, designado pola empresa, determine a viabilidade dos traballos e, de seguir adiante, as zonas de perigo deben protexerse.

cig.prensa@galizacig.com