A patronal, informan dende a CIG-Servizos, propón retomar a negociación do convenio unha vez conclúan os trámites parlamentarios para aprobación definitiva da reforma, posibelmente a mediados de setembro. O Real Decreto-lei 10/2010, de 16 de xuño, de medidas urxentes para a reforma do mercado de traballo, entrou en vigor o 18 deste mes. O 22 foi convalidado polo Congreso español e na actualidade está a ser tramitado como proxecto de lei, polo que é susceptíbel de ser modificado.
Asemblea nacional de delegados do sector
Pola súa banda, a CIG-Servizos convocou unha asemblea nacional de delegados/as do sector para o 1 de Xullo, ás 17:00 horas no local da CIG de Compostela, para avaliar a situación actual da negociación, valorar os resultados da última xuntanza ou analizar o estado da reclamación da horas extraordinarias e as eleccións sindicais.
Permiso por asuntos propios
Dende a CIG-Servizos tamén informan que non houbo acordo na mediación no SIMA do 18 de xuño sobre a interpretación e aplicación do artigo 46, apartado j, do convenio colectivo relativo ao permiso retribuído dun día por asuntos propios e ao seu cómputo como xornada efectiva.
Os mediadores propoñen someter o presente conflito á negociación do novo convenio e, até que non se peche esta, que as empresas provisionen economicamente o importe do día de asuntos propios como se fose xornada efectiva de traballo.