marco
A Coruña, 25/6/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
O Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo (á esquerda), e o Voceiro Nacional do BNG, Guillerme Vázquez, durante a rolda de prensa.

As executivas da CIG e BNG rexeitan a reforma laboral e defenden a necesidade dun novo modelo económico e social

A organización política recollerá as achegas da central nas mocións ao proxecto de lei que vai presentar no Congreso
Unha representación das Executivas da CIG e o BNG mantiveron esta mañá unha nova xuntanza para analizar a situación de crise e as graves consecuencias económicas e sociais que está a ter para milleiros de persoas. Ambas organizacións criticaron a ausencia de respostas favorábeis á maioría social por parte do goberno central e galego e coincidiron na necesidade dunha aposta por un cambio de políticas de cara a camiñarmos a un novo modelo económico e social máis xusto, solidario e sustentábel.

Así o manifestaron o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, e o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, na comparecencia para os medios realizada ao remate do encontro desenvolvido en Compostela entre representantes das executivas das dúas organizacións. Os responsábeis subliñaron a coincidencia nas liñas xerais á hora de realizar a diagnose sobre as causas da crise e as súas saídas, rexeitando de xeito unánime as medidas adoptadas até o momento polo goberno estatal, “co apoio explícito do PP”. 

Neste senso, Guillerme Vázquez adiantou que o BNG trasladará as achegas da CIG ás emendas que presentará no debate da reforma laboral no Congreso, o vindeiro mes de xullo. Seixo, pola súa banda, cualificou positivamente os posicionamentos reflectidos nas mocións,  tanto na de totalidade (como manifestación da oposición a unha reforma que só traerá máis precariedade) como as parciais sobre as diferentes cuestións que se regulan (contratación, despedimentos, cláusulas de descolgue, etc). 

Despedimento barato e liquidación dos convenios

Seixo criticou as facilidades e o abaratamento do despedimento que introduce esta reforma e lamentou que non se resolvan os problemas da contratación, cando o estado español é un dos que maior fraude na contratación rexistra. Dende a CIG promóvense a limitación a dous tipos de contrato: o ordinario e o temporal, mais vinculado ao principio de causalidade. “O contrato temporal ten que estar vinculado a unha causa de carácter temporal. Se nos pomos de acordo neste punto e o Estado, a través da Inspección de Traballo e a colaboración das organizacións sindicais, obriga as empresas a cumprir este principio, teremos gañado moitísimo a respecto de resolver a problemática na contratación e os altos índices de temporalidade”, afirmou.

En canto á ampliación da cláusula de descolgue, continuou Seixo, esta apunta ás reformas que se queren introducir na negociación colectiva, ao trasladar unha problemática protexida polos convenios de sector ao ámbito da empresa, promovendo que sexa neste ámbito en exclusiva onde se decida se se aplican ou non as subas salariais pactadas no convenio colectivo. “Nunha estrutura empresarial como a deste país, onde o 90% das compañías teñen menos de cinco traballadores/as, esta medida levará a que practicamente non 90% dos casos non se apliquen os incrementos acordados”, advertiu.

A estas cuestións, engadiu, súmanse os intentos de privatizar a intermediación no mercado laboral a través de axencias de colocación, a utilización do FOGASA para facilitar o despedimento, etc.

Pola súa banda, o voceiro do BNG amosou o total rexeitamento á reforma aprobada e advertiu que “aínda pode saír peor no debate parlamentar”, criticando que a clave deste reaxuste estea pensado para poder “despedir máis barato e con fondos públicos”. Nesta liña, Vázquez tamén se amosou moi crítico coas políticas da Xunta de Galiza, acusándoa de “estar ausente” nas propostas activas para paliar a situación de crise económica e desviar a atención sobre o debate real baixo liortas estériles.

Así mesmo, Vázquez rexeitou a reforma laboral porque “só recorta dereitos á clase traballadora para seguir extraendo un beneficio da maioría social e entregarllo aos especuladores financeiros internacionais”.

As outras reformas que nos queren impor

Durante a comparecencia, o Secretario Xeral da CIG amosou a súa preocupación polo conxunto de políticas que se están a propor dende o poder, lembrando que alén da reforma laboral existe toda unha serie de reformas en carteira: a do sistema de pensións, as prestacións sociais, a negociación colectiva, etc. “Estase aproveitando a situación de crise para desregular, flexibilizar e individualizar máis as relacións laborais, e privatizar e abrir o negocio nos sectores públicos, especialmente nos servizos públicos e a protección social, ao capital privado”.

Así, advertiu que tras da proposta de elevar até os 67 anos a idade de xubilación agóchase a pretensión de forzar aos traballadores/as con capacidade de aforro e aos/ás que non  teñan a posibilidade de chegar en activo a esa idade, a que contraten sistemas privados de pensións. A este respecto, Seixo alertou dos perigos destas empresas (tamén dedicadas á especulación financeira) e demandou información sobre a súa situación económica real e a utilización dos seus fondos.

A necesaria mobilización social

“Atopámonos ante un debate de enorme transcendencia. Como consigan impornos estas reformas vai pasar moito tempo antes de poder revertelas, de aí a importancia que ten a toma de conciencia e a resposta social. Non podemos deixarnos levar pola campaña mediática de corte neoliberal a través da que se nos quere convencer de que non existen alternativas”, espetou.

Para a CIG nin as supostas rixideces do mercado laboral, nin as pensións nin as prestacións sociais teñen a ver coa orixe desta crise e polo tanto, a súa saída non pasa por reaxustes nestes eidos. Moi ao contrario, hai que adoptar outras medidas para paliar a crise, que existen, pero que poñen en cuestión o actual modelo socioeconómico “e iso é algo que os poderes non están dispostos a facer”.

Estamos ante un debate cun forte contido de clase, aseverou Seixo, no que se enfrontan dous modelos opostos: un deles xerador de fractura social e outro que garante un reparto igualitario da riqueza. A concreción dun ou doutro dependerá da capacidade de mobilización e da toma de conciencia da maioría da clase traballadora. Por iso a folga xeral se amosa imprescindíbel para parar esta reforma laboral, pero tamén todas as reformas que están por vir e que, en todos os casos, atentan contra os intereses da maioría social.