A protesta para reclamar a readmisión das dúas traballadoras desenvolveuse diante do centro de traballo de Gran Vía 110 de 12.00 a 13.00 horas, onde arredor de medio cento de persoas berraron consignas contra a represión na empresa e en solidariedade coas compañeiras.
Tamén aproveitaron para despregar unha faixa co lema "Non máis represión en Unísono. Readmisión xa!" e para repartir panfletos informativos entre os veciños/as.
Dende a sección sindical da CIG en Unísono explican que os despedimentos producíronse despois de que as empregadas remitisen un escrito á dirección denunciando o que consideraban trato humillante por parte da supervisora da campaña da Gas Natural. “Pero a empresa, no canto de investigar un posíbel caso de acoso, decide despedilas inxustamente”.
Con este actitude -censuran- a compañía pretende implantar un réxime de terror na campaña de Gas Natural para conseguir o máximo beneficio a calquera prezo, “en menoscabo da dignidade, a saúde e o dereito a traballar das persoas”.
Diante disto, esixen a readmisión das compañeiras e o cese cautelar da supervisora até que non se investiguen os feitos obxecto da denuncia.