Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 25/8/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Os comités de Seaga acusan á Xunta de priorizar o aforro fronte á formación e dotación de EPIs aos traballadores de extinción

Piden prudencia á hora de valorar as causas ou imputar responsabilidades polo accidente con resultado de morte dos compañeiros que actuaron no incendio de Fornelos
Unha ampla representación dos catro comités provincias da empresa pública SEAGA compareceron en rolda de prensa para pedir a máxima prudencia na información que se está a proporcionar respecto do incendio forestal de Fornelos de Montes, no que faleceron dous traballadores dos equipos de extinción; denunciar a precariedade das súas condicións laborais, con equipos de protección individual inaxeitados para o labor que desenvolven, sen que se garanta a formación necesaria e con contratos que en moitos casos non superan os 20 días. Desta situación responsabilizaron á Xunta de Galiza e a un modelo no que se concibe a extinción como un negocio, priorizando o aforro de custos fronte á prevención.

O presidente do Comité de Empresa de Pontevedra, Basilio Fernández e o Delegado de Prevención da provincia da Coruña, Juan Carlos Castro, foron os encargados de dar lectura a un manifesto no que se solicita “extrema prudencia” ante un procedemento xudicial que aínda está aberto, e no que se advirte de que, de momento, “calquera especulación que apunte á responsabilidade directa de alguén que actuou no lume é falsa”.

Xunto a isto, cuestionaron certas informacións que responsabilizan aos traballadores de Seaga pola súa falta de experiencia aproveitando mesmo para enfrontalos cos traballadores de extinción da propia Xunta de Galiza. “Non se pode culpabilizar a todo un colectivo dunha responsabilidade que, en todo caso, só é da Xunta”. E denunciaron a negativa da empresa a permitir que os comités participen na investigación interna aberta, polo que anunciaron que “os comités de Seaga nos desvinculamos desde xa de calquera información que a empresa poida aportar sobre o accidente”. A isto engadiron que nin sequera se lles aportou aínda a póliza de responsabilidade civil obrigatoria en caso de accidente de traballo.

Irregularidades constatadas pola Inspección de Traballo

Do mesmo xeito denunciaron que o pasado martes 17 de agosto, a empresa foi citada pola Inspección de Traballo para dar conta do accidente, tal e como é preceptivo legalmente e que se constataron irregularidades en materia de prevención, seguridade e formación.

A propia Inspección requiriu a SEAGA para que no prazo dunha semana “forme en situacións de emerxencia” aos 2.400 traballadores e traballadoras da empresa que actualmente traballan en tarefas de extinción. Formación que se está impartindo agora mesmo e que se limita, segundo afirmaron, ao reparto dunha folla informativa e a charlas de 5 minutos nas que se lles explica como deben prever situacións como a acontecida en Fornelos.

EPIs inaxeitados

Na avaliación de prevención de riscos realizada pola empresa aparecen identificados e avaliados riscos como: contactos térmicos, radiación en ataque directo ou indirecto no desenvolvemento dos traballos de extinción e inhalación /inxestión de substancias nocivas, derivado dos fumes dos incendios.

Para a prevención do primeiro risco proponse o subministro de fundas ignífugas que son proporcionadas pola empresa. Porén, denuncian que nas instrucións de uso e mantemento do fabricante sinálase que “a prenda perde as súas características ignífugas a partir de certo número de lavados” e que son os traballadores quen teñen que lavalas sen que se controlen nin os ciclos de lavado nin os produtos que se utilizan. A isto engaden que “moitas das prendas subministradas son usadas doutras campañas”, co cal queda en cuestión a permanencia das propiedades ignífugas.

Respecto da inhalación de substancias nocivas proponse o subministro de máscaras de protección respiratoria para evitar respirar pos, fumes, gases e vapores que poden ser tóxicos, corrosivos ou irritantes. Porén, aseguran que a empresa facilita máscaras de diversos modelos cun nivel de protección máximo P3 que “non protexen contra a inhalación de gases tóxicos como o monóxido de carbono”, afirman.

Descoñecemento dos protocolos e procedementos de traballo

Os comités de Seaga afirman ademais que malia existir un protocolo de actuación, nin os traballadores, nin os seus representantes, nin os propios xefes de brigada teñen coñecemento do seu contido e que o documento do programa anual da planificación da actividade preventiva para este ano data de 2008, sen que se teña constancia da súa revisión ou actualización.

Sen formación nin prácticas específicas

Os traballadores/as de Seaga tampouco recibiron formación nin prácticas específicas sobre como actuar ante unha situación de máximo risco, como a de atoparse rodeados polo fume ou polo lume. Como tampouco dispoñen de equipos para tales situacións, como mantas ignífugas e equipos de respiración asistida de emerxencia ou similares que “se ben non evitan a situación, poden diminuír as consecuencias da mesma sobre a saúde dos traballadores”, denunciaron.

Á denuncia de que aínda a data de hoxe hai brigadas incompletas engadiron que o material que se subministra é inexistente e deficiente e mesmo carecen de lanternas para traballar de noite ou as que se dan non cumpren os mínimos. A modo de exemplo lembraron que da brigada de Fornelos “dos tres traballadores que actuaron cos falecidos, un levaba a súa lanterna da casa, outro unha lanterna de petaca e o terceiro unha lanterna de cabeza que non cumpre os mínimos requisitos”.

Xunto a iso, os compañeiros presentes afirmaron que este ano, por mor dunha política de recorte do gasto, retiráronse certos equipos que si se entregaban en anos anteriores, como as pantallas de protección, que se repartiron nas campañas de 2007 e 2008 e que, desta volta, só se proporcionaron en algún centro de traballo concreto; batelumes, que aínda se entregaron a semana pasada a algunhas brigadas porque os que había estaban queimados ou que mesmo se lles están repartindo cordóns usados para amarrar as botas.

Concepción do servizo de extinción

Para Paulo Rubido, secretario nacional de CIG-servizos, esta situación ben provocada por un modelo de servizo de extinción no que pesan fundamentalmente dous factores: o aforro económico e unha concepción tatcheriana neoliberal que considera que “o traballador indefinido na administración é un  parásito que non traballa, fomentando así a eventualidade”.

Segundo Rubido, o modelo de Seaga, do que participaron tanto o goberno do bipartito como o actual goberno do PP, parte do principio de que o servizo ten que ter os mínimos custos, aforrando tanto en EPIs como en salarios e cun cadro de persoal eventual.

Fronte a isto, o secretario nacional de CIG-Servizos demandou un servizo profesionalizado, con traballadores fixos-discontinuos que durante o inverno realicen labores de limpeza, o que facilita que coñezan o terreo, e que durante o verán se centren nos labores de extinción.

Porén, este ano os traballos de limpeza nin sequera os fixo Seaga. Suprimíronse durante tres meses, decembro, xaneiro e febreiro e en marzo a Xunta sacou a concurso público a contratación de empresas privadas, con persoal propio que non tiña nada que ver co de extinción para realizar estes traballos, explicou.

Empeoramento das condicións e recorte de gastos

Con todo, tanto para os comités de Seaga como para Rubido as cousas teñen empeorado nesta campaña, tanto por mor dunha peor organización, como polos recortes de gasto.

O secretario nacional de CIG-Servizos denunciou, por unha banda, o cambio de contido das probas de acceso aos equipos de extinción que realizou o PP á súa chegada, primando a proba física e igualando a puntuación de calquera persoa que traballara de peón, tanto para unha empresa pública como privada, coa dun traballador/a que contara cunha experiencia de dez anos en materia de extinción. O resultado é que agora hai unhas brigadas de extinción en excelente forma física, pero sen ter en conta a experiencia”, afirmou.

Unha situación, que xunto coa ausencia de formación, provocan, segundo explicou, un descoñecemento, por parte dos traballadores/sas, de como actuar en situacións de risco.

O recorte de gastos, alén de provocar falta de material ou que este sexa inaxeitado, derivou tamén en que non estivera preparado o 100% do servizo para comezar a actuar no mes de agosto, que foi cando se desatou a vaga de lumes e cando se completaron as brigadas. “Non é concibíbel que unha persoa que se incorpora a segunda semana de agosto estea preparada para entrar no lume, e menos este ano”.

Malia toda esta serie de irregularidades, os comités de Seaga e a CIG-Servizos alertaron de que non se pode estabelecer unha relación causa-efecto para o caso do accidente de Fornelos. Por iso, afirmaron que “temos claro que os accidentes no noso traballo poden ocorrer, leves o equipamento que leves. Pero tamén temos claro que se un traballador acude preparado ten máis posibilidades de non ter accidentes ou saír deles pouco damnificado”.

Operativo “óptimo”

A preguntas dos xornalistas para que valoraran as recentes declaracións do presidente da Xunta, quen cualificou o operativo de extinción de incendios deste ano como “óptimo”, os representantes dos comités provinciais de Seaga consideraron que se trataba dunha afirmación, cando menos, “desafortunada”. Explicaron que aínda non rematou a campaña e que, polo tanto non se pode ofrecer unha valoración, sexa cal sexa o número de hectáreas queimadas, e que, en ningún caso se poderá considerar “óptimo” cando faleceron dous compañeiros por mor do lume.

cig.prensa@galizacig.com