Dende a CIG-Metal de Pontevedra critican que nin a dirección da empresa nin os administradores concursais se puxeron en contacto cos representantes dos traballadores/as para negociar o expediente de extinción de contratos presentado pola compañía a pesar de que xa transcorreu o prazo de 15 días fixado polo xulgado. O seu secretario comarcal, Marcos Conde, explica que intentaron sen éxito poñerse en contacto cos responsábeis da empresa, polo que optaron por presentar un escrito no xulgado informando dos feitos. Tamén aportaron os datos que demostran que estas tres auxiliares da construción naval pertencen ao mesmo grupo.
O documento cita, entre outros argumentos, a existencia da mesma estrutura na dirección da empresa, a confusión dos traballadores/as nos distintos centros de traballo, a cesión constante de operarios/as entre elas, a confusión dos propios empregados/as no que respecta á denominación baixo a que se factura o traballo que desenvolven ou a existencia de contratos alternos entre as distintas denominacións.
Diante disto, o comité de empresa optou por convocar unha serie de mobilizacións como as levadas a cabo con anterioridade cando a compañía de compoñentes eléctricos para náutica presentou un ERE que afectaba a 10 dos seus 14 traballadores (na empresa permanece agora unicamente unha administrativa). O calendario de protestas contempla concentracións en Factoría Naval de Marín en horario de mañá (de 8.30 a 12.00) e do estaleiro Armón de Vigo pola tarde (de 12.00 a 19.00).