Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 25/9/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG de Monterrei-A Limia esixe ao Delegado Territorial en Ourense que rectifique as súas declaracións sobre os/as docentes

A Unión Local insta ao responsábel político a asumir as responsabilidades da Xunta
A Unión Local da CIG de Monterrei-A Limia amosou o seu rexeitamento ás declaracións realizadas nun medio de comunicación polo Delegado Territorial da Xunta en Ourense, nas que culpa ao persoal docente das eivas e malas xestión da Consellaría de Educación.

A continuación reproducimos o comunicado emitido pola CIG de Monterrei-A Limia:

Dende a CIG de Monterrei-A Limia queremos amosar o noso máis enérxico rexeitamento ás afirmación vertidas polo Delegado Territorial da Xunta de Galiza, en data de 23 de setembro, no diario La Región. Non é de recibo que o Delegado Territorial trate de eludir as responsabilidades da Consellaría de Educación culpando das eivas e mala xestión desta ao colectivo de mestres/as e profesores/as.

Segundo as palabras de Rogelio Martínez pódese chegar á conclusión de que os/as ensinantes case son responsábeis da actual crise económica que vive o País, esquecéndose intencionadamente de que xa hai moitos anos que se ven manifestando dende esta organización sindical a necesidade de dotar aos centros de ensino público do persoal administrativo suficiente para realizar todas aquelas tarefas específicas propias do seu traballo, que a Consellaría de Educación sabe que son moitas nos centros escolares ao longo do curso.

Non inventamos nada na CIG, e ben o saben na Consellaría de Educación, ao afirmar, unha vez máis, que as equipas directivas dos centros educativos están saturadísimas de traballo administrativo, que mesmo a miúdo teñen que completar fóra da súa xornada laboral.

Consecuentemente, non é aceptábel que un curso atrás doutro se siga a aumentar este tipo de traballo para suplir as improvisacións, présas e falla de programación de quen nos goberna.

Os ensinantes ao realizar o seu traballo, que é formar aos/ás seus/súas alumnos/as, nin prexudican á Xunta nin ás familias con rendas máis baixas, como di o Delegado Territorial. O prexuízo cáusano aqueles/as que se esquecen de investir o necesario en acadar un ensino público gratuíto e de calidade, e que pola contra desvían millóns a esgalla dos fondos públicos para financiar a actividade privada.

Rematamos esta nota de prensa esixindo ao Delegado Territorial que rectifique os seus comentarios publicados no artigo de La Región de data  23 de setembro, que asuma as súas responsabilidades, que se deixe de facer demagoxia e que valore na súa xusta medida a un colectivo de traballadores/as que a miúdo teñen que suplir co seu voluntarismo a falla de previsión, programación e medios da Administración.

Asdo.: Luís Ferreiro Fernández.

Secretaría CIG-Monterrei-A Limia

cig.prensa@galizacig.com