Aínda que o vento impediu aos traballadores/as acender todas as candeas coas que debuxaron a Torre no chan da Praza de María Pita, si conseguiron manter iluminada a lanterna do faro cunha raiola de luz coa que “guiar” as decisións do Concello neste conflito, que mantén a 13 empregados/as no paro e cun futuro laboral moi incerto.
A este respecto, sinalaron que o único que piden ao Goberno local é unha cláusula no prego de condicións da nova contrata que garanta a súa subrogación na empresa que resulte adxudicataria. Por iso, advertiron, ademais de proseguir coas medidas de presión, non descartan recorrer á vía xudicial para conseguir que lle recoñezan o seu dereito á subrogación. Dereito que, apuntan, xa está recollido no convenio colectivo de aplicación.
Dende o colectivo de traballadores/as reiteráronse tamén as críticas ao Concello, pois logo de pasar dez días do peche do monumento aínda non comezaron as obras que supostamente tanto urxían. Ademais, lamentaron a total indiferenza amosada polo executivo local ante as súas reivindicación, xa que nin sequera accederon a manter unha reunión cos traballadores/as, a pesar de que hai xa un mes que a solicitaron.
Ademais do acto simbólico, o persoal da Torre tamén aproveitou a súa presenza na céntrica Praza de María Pita para recoller sinaturas de apoio e teñen aberto un grupo en Facebook “S.O.S Torre de Hércules” a través do que dan a coñecer as iniciadas levadas a cabo.