Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 26/1/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Publicadas no DOG as novas taxas das escolas infantís

O prezo pola atención educativa pasa dun máximo de 110 e 160 euros e deixarán de ser acumulábeis os descontos por circunstancias familiares particulares
O mércores 25 de xaneiro, publicáronse no DOG as novas taxas que a Xunta de Galiza vén de aprobar para as escolas infantís, que suporán un incremento moi por riba do 19% anunciado polo presidente Feijoo. De feito, nalgúns servizos, como o de comedor, a taxa actual chega a duplicarse.

Deste xeito, a partir do próximo 1 de setembro, o prezo máximo pola denominada atención educativa pasa dos 110 euros aos 160 euros mensuais, o servizo de comedor increméntase dos 33 euros até os 70 euros (estabelecéndose a contía de 4 euros por día naqueles casos nos que o servizo se utilice de xeito esporádico), mentres que o prezo polo horario ampliado pasa dos 13,75 euros a custar 20 euros por hora extraordinaria.

Como novidade, a Xunta elimina a posibilidade de acumular os descontos aplicábeis en función das circunstancias familiares, tal e como se viña facendo até o de agora. Así, os descontos quedan fixados nun 20% para os nenos/as de familias monoparentais e numerosas e naqueles casos nos que asistan ao mesmo centro varios irmáns/ás, a segunda crianza e sucesivas terán un desconto tamén do 20%. Até o de agora, esta última circunstancia permitía un desconto do 30% se os/as cativos/as naceran en parto múltiple.

Dende a Secretaría da Muller da CIG vólvese reiterar o total rexeitamento a esta suba, xa que, a pesar das afirmacións do Presidente da Xunta a respecto de que o incremento é 9 puntos inferior a suba do IPC nos últimos 10 anos, en ningún momento ten en conta a suba real dos salarios neste mesmo período. E, precisamente, a publicación das novas taxas coincidiu coa sinatura do acordo entre CCOO, UGT, CEOE e CEPYME que suporá a conxelación dos salarios da clase traballadora para os próximos tres anos e abre a porta para que os incrementos salariais se deixen de calcular en función do IPC.

Nesta medida, a Xunta tampouco considera o uso do comedor como un servizo básico, de aí que lle aplique a maior suba, obviando que todas as familias que leven a súa crianza coincidindo cunha xornada laboral, sempre precisarán deste servizo para poder conciliar a súa vida familiar e laboral.

A Secretaría da Muller da CIG denuncia que a Xunta se ampara unha vez máis na situación de crise económica para recortar en servizos e advirte que o verdadeiro obxectivo do Goberno galego non é outro que deixar en mans de empresas privadas a xestión de todos os servizos públicos, tal e como ten acontecido recentemente coas escolas "Galiña Azul" de nova apertura.

Accede ao DOG pinchando aquí ou descargando o documento en .pdf adxunto a esta nova.

Documentos
NovosPrezosEscolasInfantis.pdf
cig.prensa@galizacig.com