"Non vamos participar neste referendo, porque esta votación se realiza para xustificar o seu preacordo (de CCOO e UGT e as asociacións empresariais do Metal de Pontevedra), e darlle lexitimidade a un texto que fica lonxe das demandas dos traballadores e das traballadoras do sector, que tanto pelexaron por este convenio", subliña Miguel Malvido, secretario nacional da CIG Metal, diante das preguntas sobre a postura da CIG diante do anunciado referendo en máis de 700 empresas do Metal da provincia de Pontevedra organizado por CCOO e UGT.
Sen garantías democráticas
Malvido considera que neste proceso de consulta "non hai ningún tipo de garantías democráticas sobre o seu desenvolvemento nin sobre o seu resultado, e é só unha operación de CCOO e UGT para buscar apoiarse nalgo para asinar este convenio deste xeito".
Ademais neste preacordo, e por primeira vez desde que a CIG participa na negociación colectiva do Metal en Pontevedra, non aparece no texto que serán os traballadores e traballadoras quen vaian referendar a proposta.
Por todas estas razóns, o secretario nacional da CIG-Metal cualificou este proceso de "farsa".
"CCOO e UGT contan con todo tipo de facilidades"
Por último, Malvido salientou que no proceso de asembleas nos estaleiros para a folga do xulgamento dos 13 do Metal houbo problemas mesmo para facer asembleas e dar a coñecer a situación do convenio, mais "agora son todo facilidades para CCOO e UGT nos estaleiros para celebrar este proceso enganoso de referendo", polo que fixo un chamamento á reflexión sobre o diferente tratamento que receben unhas e outras centrais sindicais.