O secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco, compareceu en rolda de prensa xunto ao traballador afectado para dar conta da sentenza e denunciar a actitude dunha empresa que tamén foi acusada pola central sindical de acosar laboralmente a unha empregada da gasolineira de Cepsa en Ponteareas.
Blanco lembrou que os feitos remóntanse ao 9 de febreiro de 2011, data na que a empresa convocou unha asemblea de traballadores/as co obxecto de revogar o mandato de Miguel Ángel Torres Míguez como delegado de persoal da CIG. O afectado presentou unha demanda por vulneración dos dereitos fundamentais, que foi desestimada por sentenza do Xulgado do Social número 2 de Ourense o 23 de marzo de 2011. Mais a decisión foi revogada pola da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o 3 de outubro de 2011 ao estimar o recurso de suplicación interposto pola asesoría xurídica da CIG. Na sentenza recóllese que:
-A empresa vulnerou o dereito á garantía de indemnidade e á liberdade sindical do traballador.
-A convocatoria da asemblea realizada pola empresa o 9/2/2011 é nula.
-Debe repoñerse ao traballador na situación anterior ao momento de producirse a devandita vulneración, é dicir, á súa condición de delegado de persoal.
-A empresa ten que pagarlle a cantidade de 6.251 euros en concepto de indemnización polos prexuízos causados pola súa decisión.
Dende a CIG explican que a sentenza aínda non é firme xa que pode ser recorrida ante o Tribunal Supremo, mais os termos da mesma son “claros e contundentes respecto da actuación da empresa”, destacando, entre outras, as afirmacións seguintes:
-“Y en el supuesto enjuiciado, la empresa demandada, lejos de mostrar -como sería exigible- su más absoluta neutralidad en la convocatoria de la mencionada asamblea, se involucra de manera directa hasta el punto de que dicha convocatoria se comunicó por escrito de la propia empresa [...]”.
-“Este insólito protagonismo de la empresa demandada en la convocatoria de la asamblea, bajo la excusa de que se hace a instancia de más del 33% de los trabajadores, demuestra un disimulado interés y una encubierta intención de intervención, y ello constituye un serio y relevante indicio del interés que tenía la empresa en la revocación del mandato del demandante por todas aquellas reclamaciones efectuadas, ya en beneficio de los trabajadores, como delegado de personal, ya en nombre propio cuando se trataba de reclamaciones individuales. Forzosamente ha de concluirse que con su actuación la empresa demandada vulneró el derecho a la garantía de indemnidad y a la libertad sindical del demandante, que conlleva la nulidad radical de la convocatoria de la asamblea de 9/2/2011, y la reposición de la situación al momento anterior a producirse el mismo, así como a la reparación de las consecuencias derivadas del acto, que incluirá la indemnización solicitada de 6.251 euros, por los perjuicios causados por dicho comportamiento.”
Estímulo para un loitador incansábel
Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG-Ourense fixo as seguintes consideracións a respecto da actitude da compañía e da propia sentenza:
-O comportamento da empresa é moi grave e así o sanciona o TSXG, que lle impón unha indemnización por vulnerar dereitos fundamentais do traballador.
-Esta sentenza é un grande paso na loita que este traballador e a CIG levan xa tempo levando a cabo na empresa para que cumpra o convenio colectivo e respecte os dereitos do persoal.
-Tamén é un respaldo á perseveranza de Miguel Ángel Torres que, cun grande custe persoal, resistiu todo tipo de represalias polo seu insubornábel labor na defensa dos dereitos propios e dos dos seus compañeiros e compañeiras.
-Esperamos que esta sentenza sirva como elemento de reflexión para que o proceder despótico e desconsiderado co que se conduce o responsábel da empresa mude e por fin se podan normalizar as relacións na empresa, en orde a evitar máis sufrimento e inxustiza.
-Sabemos que hai empresas que se senten tentadas, moitas veces, a practicar este tipo de abusos. Pois ben, esta é unha mensaxe clara para quen os practica, que saiba que terán á CIG en fronte, no plano sindical e no plano xudicial, e que se optan por esta forma de proceder terán que facer fronte ao reproche xudicial e ao resarcimento económico.
-Tamén é un estímulo para que aquelas persoas que sofren abusos nas empresas reclamen os seus dereitos e teñan a certeza de que a unidade a a loita son o garante dunhas condicións de traballo dignas.