Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 26/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A intransixencia da patronal rompe as negociacións do convenio colectivo de Comercio Téxtil da provincia de Ourense

Os sindicatos denuncian que os empresarios rexeitan pactar a plataforma conxunta proposta por CIG, CCOO e UGT e pretenden recortar dereitos
A negociación do convenio colectivo de Comercio de Téxtil da provincia de Ourense quedou rota na reunión da mesa negociadora celebrada o pasado 23 de outubro, segundo denuncian as organizacións sindicais. A patronal do sector foi intransixente á hora de negociar a plataforma conxunta presentada polas centrais CIG, CCOO e UGT e, pola contra, “pretende eliminar unha paga extraordinaria, eliminar o dereito a cobrar o 100% en caso de baixa por enfermidade común, conxelar a antigüidade e  conxelar o salario”.

Dende a federación de Servizos da CIG de Ourense explicaron que as tres centrais sindicais presentes na mesa negociadora manifestaron unanimemente o seu rexeitamento a modificar calquera aspecto do convenio que supoña unha rebaixa de dereitos; “máxime cando as traballadoras e traballadores do sector levamos dous anos sen ningún incremento salarial e estamos a sufrir os efectos dunha reforma laboral brutal e dunha crise económica da que non somos culpábeis, mentres que as grandes empresas do sector están a obter beneficios millonarios”, denuncian.

Finalmente, anuncian que a CIG, CCOO e UGT decidiron realizar mobilizacións para salvar o convenio e a primeira medida consistirá na convocatoria de asembleas para determinar as seguintes accións, que se farán segundo o seguinte calendario:

-CENTRO COMERCIAL PONTEVELLA o 5 de novembro ás 22.30 horas.

-SALON DE ACTOS DA CASA SINDICAL o 6 de novembro ás 21.30 horas.

cig.prensa@galizacig.com