Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 26/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O 80% dos estudantes secundan a folga na defensa do galego

A Mocidade pola Normalización Lingüística sinalou que o paro foi seguido maioritariamente a pesar de “coaccións puntuais”
Máis dun 75% por cento do alumnado de segundo ciclo da ESO, ciclos formativos e Bacharelato secundou o paro estudantil convocado o 26 de novemebro pola Mocidade pola Normalización Lingüística e apoiado por Galiza Nova e Comités baixo o lema “Paremos as agresións contra o galego”. Por etapas, o seguimento foi maior no bacharelato e FP, en practicamente todos os casos superando o oitenta por cento do alumnado.
O paro convocado pola Mocidade pola Nornalización Lingüística foi secundado por case o 80% do alumnado.

O responsábel nacional da Mocidade pola Normalización Lingüística, Fran Rei, valorou moi positivamente estes datos, porque, segundo asegurou, se chegou “á práctica totalidade dos centros de ensino que estaban chamados a participar, que eran máis de 340”. Segundo Rei, é salientábel que “mesmo no segundo ciclo da ESO, onde a dificultade para secundar este tipo de convocatorias por parte do alumnado é evidente porque non teñen posibilidade de saír do centro ou precisan permiso familiar, o paro superou o 65%”.

Segundo Rei, “mesmo dando por bo que a folga non foi secundada polo cen por cen do alumnado, para nós é un dato suficientemente positivo, e deixa constancia de que o estudantado non fai folgas ao chou, senón que sabe o que reivindica, e hoxe tiña claro que reivindicaba a plena aplicación do decreto de galeguización do ensino e que tamén é consciente da campaña mediática e de acoso contra o idioma pola que non está disposto a pasar”.

Nota de atención á Consellería de Educación

Neste sentido o dirixente da sección xuvenil da Mesa asegurou que agora “Educación ten que facer os seus deberes, xa que igual que nós temos que estudar e aprobar eles tamén teñen que cumprir coas súas obrigas e garantir a plena aplicación e desenvolvemento do decreto, tal e como lle demanda o alumnado”. Fran Rei apuntou que “o departamento de Sánchez Piñón ten que pór en marcha as medidas que lle reclama a propia comunidade escolar, como son plans de formación para o profesorado ou medios materiais de apoio para a docencia en galego”.

“A Consellaría de Educación ten que facer públicos os datos oficiais para corrixir aquelas eivas que se detecten”, dixo Fran Rei, quen asegurou que “non poden obviar datos tan demoledores como que o 75% dos centros de ensino medio da comarca de Vigo non chegan ao 50% de ensino en galego, tal e como sinala un estudo da Universidade de Vigo; ou que máis do 26% dos centros de ensino infantil das cidades nin sequera imparten unha hora semanal en galego; ou que o 90% dos ciclos formativos non posúen material específico para poder impartir docencia en galego, tal e como sinala un estudo da Mesa feito grazas á colaboración voluntaria de máis de un cento de centros de todo o país” .

Para a Mocidade pola Normalización Lingüística é “moi curioso como a inspección educativa, que desde que entrou en vigor o decreto o curso pasado non moveu un dedo por facer que se cumpra, tivo hoxe tempo de chamar un por un aos centros educativos, tal e como nos informaron desde os propios institutos”.

O responsábel das Mocidades da Mesa salientou o bo comportamento do estudantado durante toda a xornada e explicou que, aínda que non estaba convocada ningunha actividade paralela á folga, “houbo alumnado que organizou espontaneamente actividades no seu centro, como en Cedeira, onde estudantes de cuarto da ESO fixeron unha sentada durante toda a mañá, ou no instituto de Porto do Son, onde o alumnado fixo unha concentración e leu un manifesto a prol da nosa lingua”.

Impedimentos

Desde as Mocidades da Mesa lamentan “que non fose posíbel exercer o dereito democrático á folga nalgúns centros ou que se puxesen todo tipo de impedimentos a este respecto”.

Neste sentido, Fran Rei sinalou casos concretos como “o da directora do IES San Clemente de Santiago, que secuestrou o material da mobilización e impediu a súa distribución entre o alumnado”; ou “o do Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo, onde a dirección retirou todos os cartaces”; ou o “IES Terra de Soneira en Vimianzo, onde a pesar de que a Xunta de Delegados decidira unanimemente secundar a convocatoria a dirección do centro e varios profesores impedíronllo na práctica”; ou “o IES Francisco Aguiar de Betanzos, onde a xefa de estudos tomou a molestia de advertir aula por aula que a xente que secundase a folga tería unha falta de orde no seu expediente”.

cig.prensa@galizacig.com