marco
Compostela, 26/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Traballadores/as do 112 exixen a subrogación e desmenten o comunicado de Presidencia

A consellaría emitiu un comunicado desligándose do conflito
Os traballadores e traballadoras do 112 exixiron, en rolda de prensa, que se recoñeza o dereito do cadro de persoal á subrogación, como xa ocorre con outras contratas da administración, para garantir a estabilidade laboral e mellorar a calidade do servizo. Isabel Moares, presidenta do Comité de Empresa, desmentiu ademais o contido do comunicado emitido pola Consellaría de Presidencia. Unha nota de prensa na que acusaba ao persoal de atender a intereses políticos e no que eludía toda responsabilidade na posíbel solución do conflito.
Inácio Pavón, membro da Executiva comarcal da CIG de Compostela, Isabel Moares, presidenta do Comité de Empresa do 112, e Óscar Valladares, Secretario do Comité, compareceron en rolda de prensa para responder ás declaracións da consellaría de Presidencia.

O conflito do 112 está enquistado tras dous anos de mobilizacións. Porén, tras un proceso de negociación coa empresa, neste intre estaría bastante avanzado o camiño para acadar un acordo. O único que bloquea agora a solución definitiva ao conflito é a negativa da administración a atender a demanda dos traballadores e traballadoras a que se recoñeza o dereito de subrogación. Dereito que si teñen recoñecido outras contratas e que desde Presidencia se vén denegando de forma sistemática para o servizo de atención a emerxencias, 112.

Tanto é así que tras manifestarse nun acto da Semana Verde no que estaba o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, Presidencia fixo público un comunicado no que se desligaba da solución do conflito -cando só a administración pode recoñecer o dereito á subrogación- e mesmo chegaba a acusar ao persoal de mobilizarse por intereses políticos.

Fronte a isto, Isabel Moares afirmaba, na rolda de prensa, que un dos principais problemas aos que se enfrontan as traballadoras e traballadores do 112 é a precariedade laboral e a inestabilidade. "O 112 é un servizo que está subcontratado pola Xunta. Cada vez que o servizo sae a concurso a empresa adxudicataria poderia realizar despedimentos coa inseguridade laboral que xenera isto.  Coa subrogación a estabilidade estaría garantida e a calidade do servizo tamén".

Convenio do Telemárketing

O persoal do 112 está baixo o convenio de Telemárketing. Un convenio moi precario que non recolle as especificidades do traballo que se desenvolve desde este servizo, nin ten en conta a responsabilidade que conleva coordinar todas as emerxencias que se poden producir en Galiza, terrestres, marítimas e aéreas, a diario.

Para mellorar as condicións de traballo e garantir a mellor atención demandan que aumente o cadro de persoal; que as gardas de 24 horas que teñen que facer obrigatoriamente a menos dunha hora do centro de traballo sexan retribuídas; que se compensen economicamente as noites, fins de semana e festivos e que os salarios sexan acordes co traballo que realizan.

Para os traballadores/as, encauzadas as negociacións e achegadas posturas coa empresa para satisfacer estas demandas, agora a pelota está no tellado da administración. O conflito quedaría definitivamente desbloqueado se esta accede á subrogación.