Diante deste novo anuncio de “austeridade”, a CIG-Administración quere amosar un total rexeitamento a unha medida a través da que se perpetuará a perda do poder adquisitivo dos empregados/as públicos e coa que se quere culpabilizar ao persoal do gasto público. Neste senso, a Federación lembra que a situación de crise económica e as consecuencias que teña para as arcas do Estado non foron provocadas polos traballadores/as da administración nin polos seus salarios, pois a gran maioría dos empregados/as teñen unhas nóminas inferiores aos 1.000 euros mensuais e veñen sufrindo unha perda do poder adquisitivo que supera o 42%.
A Secretaria Ncional da CIG-Administración, María Carme López Santamariña, lamentou que o goberno ande a xogar coa estabilidade salarial dos empregados/as públicos para aparentar que ten en marcha unha política anticrise, cando non foi quen de sacar adiante medidas para controlar o capital financeiro e a súa economía especulativa. A este respecto, cabe sinalar que o salario dun asesor político é igual ao incremento salarial previsto para este ano para 1.200 subalternos.
Neste senso, hai que lembrar que CIG-Administración xa denunciara no seu día a ínfima suba salarial do 0.3% acordada entre o Goberno estatal e os sindicatos CCOO, CSIF e UGT no marco da Mesa Xeral das Administracións Públicas, acordo que non contou co apoio nin da CIG nin de ELA, ao considerar que este exiguo incremento suporía consolidar a perda continúa do poder adquisitivo dos empregados/as públicos.
A cambio da sinatura do acordo (con vixencia até 2013) estabeleceuse un incremento das contribucións destinadas ao Fondo de pensións da AXE. 200 millóns de euros que serán xestionados pola rendíbel empresa Gestión de Previsión y Pensiones (GPP), participada nun 70% polo BBVA en nun 30% por CCOO e UGT.
A Xunta segue o exemplo
Seguindo a liña marcada polo Goberno estatal, a Xunta afondou nesta situación ao decidir suspender os acordos sectoriais comprometidos e asinados cas organizacións sindicais, nos que se contemplaban melloras retributivas para os vindeiros anos. Decisión contra a que a CIG se ten mobilizado en numerosas ocasións.
A maiores, este ano incrementouse o IVE e eliminouse a populista rebaixa dos 400 euros anuais na retención do IRPF, provocando que na nómina de xaneiro o persoal percibise entre 10 e 30 euros menos que o mes anterior. Por estas razóns, dende a CIG demándase un incremento salarial igual á media da suba dos convenios colectivos (para este ano en Galiza a media é do 3.58%), un plano de recuperación do poder adquisitivo nos vindeiros anos e o mantemento dos acordos retributivos comprometidos.