Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 26/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG pronúnciase a favor da fusión galega na Asemblea Xeral de Caixanova

Teresa Sampedro, membro da CIG, criticou que se lle pidan sacrificios ao persoal mentres a cúpula recibiu remuneracións millonarias
Este xoves 25 de febreiro celebrouse a Asemblea Xeral de Caixanova, o máximo órgano de goberno, na que a CIG votou en contra da xestión da entidade e fixo un pronunciamento en contra do SIP e a favor da fusión galega. A dirección de Caixanova quixo manter ao máximo órgano de goberno da entidade a marxe do debate social sobre o futuro das caixas de aforros galegas, algo que finalmente non evitou debido a diversas intervencións.

A Conselleira Xeral en representación do persoal, Teresa Sampedro, membro da CIG, interveu no punto referido a aprobación da xestión da entidade anunciando o voto negativo.

Na súa intervención criticou que mentres se lle reclamaba ao persoal sacrificio fronte a crise, a cúpula directiva recibiu remuneracións millonarias. Expuxo que “estamos a rexeitar que a alta dirección utilice os recursos da caixa como se fosen os seus donos, xa que nas caixas todos somos empregados e a austeridade perante a crise ten que afectar a todos; comportarse doutro xeito provoca unha desmotivación e, cando menos, ofrece unha estética inadmisible”.

Neste senso é importante lembrar que Caixanova recibiu axudas públicas do goberno central dentro das liñas de inxección de liquidez a bancos e caixas.

Finalmente foi o único voto negativo á aprobación da xestión da empresa por parte da Dirección e do Consello de Administración, contándose tamén 3 abstencións.

Interviu posteriormente no punto “liñas xerais do plan de actuación anual 2010”, deixando claro que a CIG apostaba por que Caixanova seguira en solitario pero que se non fose posible apostaba por “unha caixa solvente que apague as pantasmas de absorción por unha caixa allea a Galiza e, sobre todo, rexeitamos absolutamente a participación nun SIP, que nun prazo moi curto, provocaria a desaparición da caixa para convertela noutro tipo de entidade financeira allea ao ideal tradicional das caixas de aforros”.

Outras organizacións fixeron tamén intervencións favorables a fusión de Caixanova e Caixa Galicia ante a posible desaparición destas entidades debido a decisión unilateral do goberno central do PSOE.

cig.prensa@galizacig.com