As traballadoras denuncia que o concello de Ames mantén a concesión con esta empresa malia saber que, desde hai tres anos, atrasa constantemente o pagamento dos salarios e mesmo ten débedas con facenda e coa seguridade social. De feito, esta é a cuarta vez que teñen que recorrer a medidas de presión para poder cobrar polo seu traballo.
Limpezas Ames é a empresa concesionaria do servizo de limpeza de, entre outros, o Colexio de Ventín, a Casa de Cultura do Milladoiro e de diversas oficinas do concello. As traballadoras aseguran que é tal a situación, qe a empresa xa non pon sequera material para facer a limpeza en condicións, polo que ten que facelo o concello.
A CIG vén reclamando, desde que comezou o conflito, que o concello de Ames rescinda, canto antes, a contrata do servizo de limpeza a esta empresa. Considera que Limpezas Ames ten demostrado sobradamente, nos últimos anos, a súa incapacidade para respectar os dereitos laborais das súas traballadoras e mesmo para garantir que o traballo que ten encomendado se fai en condicións.