Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 26/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Despedida por defender o seu dereito a conciliar

Sufriu durante os últimos meses acoso e discriminación laboral
Nélida Pisco, condutora de Autobuses de Calo (Hedegasa), foi finalmente despedida pola empresa, logo de ter sufrido un rosario de discriminacións e ameazas por exixir o cumprimento da lei de Igualdade. Pisco solicitou, logo da baixa por maternidade, unha redución de xornada por coidado de fillos, as horas de lactación e o desfrute das vacacións que tiña pendentes, todos dereitos que lle foron denegados. A cambio conseguiu, antes de ser despedida, que a empresa a deixara sen traballo efectivo, que se lle prohibira o uso dos lugares comúns dos condutores e verse obrigada a pasar a xornada laboral no seu coche particular no exterior da nave. Todo isto, ás portas do 8 de marzo.

A CIG xa denunciara con anterioridade a situación de acoso laboral e a discriminación por razóns de xénero que estaba sufrindo esta traballadora. Unha situación que deu finalmente no seu despedimento o pasado luns día 22 de febreiro, segundo explica Inácio Pavón, membro da Executiva da FGAMT, por uns motivos que alega a empresa “delirantes”.

Esta situación viu provocada porque Nélida Pisco, a raíz da súa maternidade solicitou unha redución de xornada. A empresa primeiro intenta convencela de que deixara o posto de traballo e se dedicara á súa filla, asegurando que despois podería volver, se quería. A traballadora negouse a aceptar esta proposta e reiterou a súa demanda de redución de xornada e o mantemento do seu posto de traballo.

A partir de aí, Pisco foi obxecto de discriminacións, ameazas e mesmo denuncias falsas contra o seu home. A empresa denegou entón a redución de xornada, as vacacións que tiña pendentes e as horas de lactación, dereitos que foron recoñecidos posteriormente polo xulgado.

A razón alegada pola empresa para negarlle o desfrute destes dereitos é que non había ningún servizo que se adaptara ás súas necesidades horarias. Na sentenza, a xuíz recolle, nos feitos probados “máxime se temos en conta que a actora concreta a súa xornada laboral nunha ruta que si existe na empresa e que polo tanto, podería asumir, e que con esta non estaría prexudicando a ningún outro compañeiro”.

Tras deste xuízo e da súa reincorporación –tres días no mes de decembro- non se lle dá traballo efectivo e cando se reincorpora definitivamente tras das vacacións que tiña pendentes, o 11 de xaneiro, volve estar non só sen ocupación efectiva, senón que mesmo se lle prohibe empregar as dependencias dos condutores a sala de descanso e os medios, cando nun momento puntual non están realizando ningunha función.

Isto obrígaa a pasar a xornada de traballo no seu coche particular diante da empresa. Unha situación que dura até que se denuncian publicamente estes feitos. A partir desa denuncia  a empresa dálle 45 minutos de traballo á entrada, de 7:45 a 8:30, e outros 45 minutos a saída, de 14:00 a 14:45. “Todo o resto da mañá sen facer nada, sen poder falar cos compañeiros, porque llo teñen prohibido, sen poder estar na nave, nos mesmos espazos no que están o resto dos compañeiros e sen traballo efectivo, que é o que solicitabamos que se recuperara”, explica Pavón.

Respecto desta imposición horaria, Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG de Compostela, lembra que quen escolle o horario laboral, nos casos de conciliación con redución de xornada, é a traballadora, dentro dos horarios que adoita desenvolver e, en caso de discrepancia, quen ten que determinar é a autoridade laboral competente, que sería o Xulgado do Social de Compostela, que ademais xa determinou.

A partir dese momento aumentan as presións ata que finalmente se produce o despedimento. Entre os motivos alegados, a empresa acúsaa de facer pública a situación. Pola súa banda, Pavón xustifica esta decisión porque “non se poden permitir estes comportamentos discriminatorios”.

Hedegasa (Autobuses de Calo) traballa para as administracións pública, tanto para a Xunta de Galiza, nomeadamente para a consellaría de Educación, como para os concellos de Teo e Ames, polo que desde a CIG se lles pide que a presionen para que situacións discriminatorias como esta non se produzan. Dada a gravidade do caso, Noceda demanda destas administracións que, cando menos, se dignen a contestar aos escritos que hai xa máis de 20 días que foron remitidos .

Accións legais

A CIG anuncia ademais o inicio de accións legais -“porque ter un fillo/a non é un  delicto e pedir  que se cumpra a lei de conciliación tampouco”, insiste Pavón-, e mobilizacións para exixir que recupere o seu posto de traballo e que teña traballo efectivo nas mesmas condicións que tiña antes e nas mesmas condicións que o resto dos seus compañeiros/as.

Respecto das accións legais, Anxo Noceda explica que algunhas xa están en marcha, como a denuncia perante a Inspección de Traballo por non facilitarlle a Nélida Pisco traballo efectivo, máxime cando hai unha sentenza que así o obriga; unha demanda por vulneración de dereitos fundamentais e estase a ultimar a demanda por despedimento na que se vai demandar a nulidade. “Entendemos que se vulneran preceptos recollido na propia Constitución e na Lei Orgánica de Liberdade Sindical”.

A CIG anuncia tamén que iniciará mobilizacións que concretará en vindeiras xornadas.

cig.prensa@galizacig.com