Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 26/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Comité de Empresa de Sykes convoca concentracións todos os martes contra o ERE que afecta a 278 traballadores/as en Galiza

Na quenda entre as 10:00 e as 12:00 horas e na quenda da tarde, entre as 17:00 e as 19:00 horas
O Comité de Empresa de Sykes vén de anunciar a convocatoria de mobilizacións todos os martes diante da empresa, con desprazamentos até as sedes dos clientes, Vodafone e Telefónica. Denuncian que os despedimentos son froito dunha decisión empresarial, coa complicidade do goberno central e que nin este, nin a Xunta de Galiza teñen adoptado medida algunha ante a transferencia de datos de clientes.

O pasado luns 22 de febreiro, a empresa Sykes presentou un expediente de regulación de emprego que afecta a 241 traballadores en A Coruña e a 37 en Lugo, con contratos indefinidos.

A decisión deste ERE, segundo a empresa, débese a razóns económicas, organizativas e de produción, ademais da “imposibilidade de chegar a un acordo cos sindicatos”. Respecto deste último aspecto, o comité contesta que ese acordo era ben complicado porque “o que pretendía era que se lle aceptaran os despedimentos fiándose unicamente da súa palabra”.

Sykes tamén pretende despedir a todos os contratados por obra no servizo 1004 de Telefónica, aplicando o artigo 17 do convenio. Isto incrementaría a cantidade de despedimentos até os 350 na Coruña e a 120 en Lugo. “Esta empresa pretende despedir a 470 persoas a 31 de marzo, e iso sen incluír a outras campañas que segundo a empresa teñen os días contados”.

O Comité de Empresa denuncia que se trata de despedimentos e recortes froito dunha decisión empresarial coa complicidade do goberno central. Por iso, a CIG de Sykes denuncia que “non estamos ante os efectos da crise, estamos diante dunha deslocalización pura e dura por parte de Vodafone e Telefónica coa complicidade do goberno do PSOE”.

A transferencia de datos dos clientes é o primeiro paso para que se deslocalicen todos os servizos de atención que actualmente se realiza entre outras empresas nas plataformas de telemárketing de Sykes, Atento ou Eurocén na cidade da Coruña. Aseguran que se realizaron denuncias en reiteradas ocasións “sen que a administración central ou a Xunta de Galiza teñan feito nada para evitalo”.

cig.prensa@galizacig.com