Nun pleno que se prolongou até a unha menos cuarto da madrugada, o goberno de Ferrol finalmente comprometeuse diante da Corporación e dos traballadores/as a iniciar os trámites oportunos para rescatar a concesión das instalacións deportivas do municipio, que neste momento xestionan Serviocio e Ferroser. Aínda que non se concretou se o proceso afectará a todos os centros (Ferroser non está na negociación do convenio), o compromiso lanzado por parte do concelleiro de Deportes foi claro e adiantou que dentro duns días se poderá comezar o expediente contraditorio.
Neste senso, hoxe o edil comprometeuse a facilitar aos grupos da Corporación o informe elaborado a estes efectos polo secretario do Concello, no que se avalía o cumprimento por parte das empresas das condicións estabelecidas no prego.
Rocío Doce, que foi moi crítica coas actuacións do goberno local, lamentou a demora tomada polo Concello para a elaboración de dito informe e criticou a presenza dos concelleiros na cea da Gala do Deporte de Ferrol, que tivo lugar na restaurante Illas Gabeiras, despois de varios días en folga intermitente e 25 xornadas de folga indefinida, mentres os traballadores/as descoñecen cal vai ser o seu futuro laboral e se van poder sequera “cear”. Tamén criticou esta actitude porque semella que “os políticos se están a rir de traballadores, cidadanía e sindicatos, indo de cea cando os problemas están sen resolver”.
Durante a súa intervención, Doce lamentou o incumprimento da palabra dada polo Concello a respecto de manter pechadas as instalacións durante o tempo que dure a folga. Neste senso, hai que lembrar que o goberno local abriu a piscina de Caranza ao longo desta semana e permitiu que se desenvolvesen competicións durante a fin de semana.
“O que se pretendía por parte deste concello, era volver a enfrontar aos traballadores/as en folga coa cidadanía, pero saíulles mal; o que conseguiron coa súa actuación foi por de manifesto que este é un concello clasista, que non de clase, coa súa irresponsabilidade e non vou a engadir cualificativos peores, aínda que os penso”, aseverou Rocío Doce na súa intervención.
As represalias fan a súa presenza
Dende a CIG-Servizos de Ferrol denunciaron a aparición xa das primeiras represalias contra os traballadores/as en folga. Tanto é así, que dous empregados xa foron despedidos coa carta de “fin de contrato”, cando días antes se lles asegurara que ían renovar os contratos. Casualmente estas dúas persoas participaron activamente na folga, razón pola que agora se atopan no paro.
Negociación en curso
Mentres chegaban estas novas de Ferrol, patronal e sindicatos manteñen as esta hora unha xuntanza, mediada pola Dirección Xeral de Relacións Laborais, para tentar desbloquear a negociación e reconducir o conflito. A negociación prevese que durará aínda até a tarde, momento no que os traballadores e traballadoras celebrarán asembleas para avaliar os primeiros resultados desta xuntanza e analizar as medidas a adoptar nos vindeiros días.
Concentración diante da catedral coincidindo coa presenza da Federación
Contra vento e chuvia, un numeroso grupo de traballadores e traballadoras de instalacións deportivas concentrábanse diante da catedral, na Praza do Obradoiro, coincidindo coa celebración dunha asemblea e posterior ofrenda ao apóstolo da Federación española de fútbol. Os traballadores desmenten con absoluta rotundidade as acusacións da conselleira de Traballo, Beatriz Mato, de ter sacado documentos do despacho do secretario Xeral de Traballo, Odilo Martiñá. Lembran que foron sacados un a un e cacheados pola policía polo que non puideron levar absolutamente nada.
Ás 12:00 horas da mañá do xoves 25 de febreiro, traballadores e traballadoras de instalacións deportivas, en folga desde principios do mes de febreiro, intentaron xogar un partidiño de fútbol diante da catedral, para visibilizar as súas demandas diante da Federación español de fútbol que celebraba nese intre unha asemblea e logo unha ofrenda ao apóstolo na catedral.
As forzas policiais impediron que se celebrara o encontro. Malia todo seguiron concentrados no Obradoiro, á espera de que rematara a ofrenda para poder dirixirse aos membros da federación e explicarlles as súas demandas.
Non foi posíbel. Só Augusto César Lendoiro –que se achegou a saudar aos concentrados/as- saíu pola porta principal. O resto saíron por unha das portas laterais e dirixíronse cara o Hostal dos Reis Católicos.
Os traballadores/as correron cara a entrada do Hostal, onde foron neutralizados por antodisturbios que impediron que se achegaran aos membros da federación.
Documentos de Martiñá
Os traballadores/as de instalacións deportivas negan rotundamente as acusacións que realizou onte a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, no Parlamento de Galiza. Segundo Mato, terían sacado documentos do despacho do Secretario Xeral de Traballo, Odilo Martiñá, onde permaneceron pechados durante varias horas o pasado 19 de febreiro.
Aseguran que sería imposible sacar documento algún porque tras varias horas de peche, a mediodía, a policía rebentaba a pechadura do despacho do Secretario Xeral, sacábaos un a un, identificábaos e cacheábaos.