Baixo unha clara consigna na defensa dos empregos, centos persoas participaron na tarde do xoves na manifestación convocada en A Coruña contra os despedimentos planeados pola multinacional Sykes Enterprises, nun proceso destinado á deslocalizar os centros de traballo da Galiza para abaratar custes e obter marxes maiores de beneficios.
A pesar dos estraños movementos realizados por CCOO ao longo do día, adiantando á prensa un inexistente preacordo coa empresa e desconvocando unilateralmente a manifestación cando as organizacións sindicais aínda estaban sentadas na mesa de negociación do ERE, a marcha contou co apoio da gran maioría do persoal de Sykes e de ducias de cidadáns/ás que quixeron amosar o seu rexeitamento a esta destrución masiva de emprego.
500 despedimentos
O pasado 22 de febreiro Sykes Enterprises presentaba un despedimento colectivo que afecta a case 500 traballadores/as, que volven ter na deslocalización da actividade a súa causa principal, a pesar de que a empresa obtivo millonarios beneficios nos dous últimos anos. A empresa non só presentou un ERE que afecta a case 300 empregados/as indefinidos/as , senón que xa remitiu a carta de despedimento aos/ás traballadores/as contratados por obra no servizo 1004 de Telefónica, que a finais deste mes cesarán a súa relación laboral coa multinacional.
A CIG volveu esixir nesta xornada de loita á empresa que retire todos os despedimentos presentados, tanto dos contratos por obra como para os traballadores/as indefinidos/as incluídos no expediente de regulación, e que se abran negociacións reais a respecto de analizar a viabilidade dos centros de A Coruña e Lugo e o mantemento dos actuais cadros de persoal.
Pola súa banda, a empresa anunciaba na tarde de onte a “suspensión temporal” do ERE, nun intento de desmobilizar os traballadores/as, e na procura dunha negociación exprés dos despedimentos que considera “necesarios”. Dende a CIG de A Coruña reitérase que non se vai aceptar ningún despedimento e que a central “tan só negocia o mantemento dos postos de traballo”.
Pasividade das administracións
A efectivización destes despedimentos suporá un novo golpe ás economías das comarcas de Lugo e A Coruña, polo que dende as organizacións sindicais quérese denunciar a pasividade amosada pola Administración, tanto da Xunta de Galiza, como do Goberno español, quen autorizou a Telefónica e Vodafone a trasladar os arquivos de datos de miles de clientes, para poder operar dende o estranxeiro, permitindo así a destrución de centros de postos de traballo no noso País.
Neste senso, hai que lembrar que a deslocalización de empresas como Vodafone e Telefónica afecta profundamente a todo o sector do telemárketing instalado en Galiza e tanto Unísono como Bosch xa teñen anunciado despedimentos por mor deste proceso de desmantelamento.