Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 26/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Delegados/as do Banco Pastor concéntranse fronte á Fundación Barrié de la Maza para denunciar a política de despedimentos

Reibiron cunha ruidosa pitada aos/ás asistentes á Xunta de accionistas que se celebrou no interior do edificio
Delegados e delegadas sindicais no Banco Pastor concentráronse esta mañá diante da Fundación Pedro Barrié de la Maza, onde tiña lugar a Xunta de Accionistas da entidade, para denunciar os despedimentos que a dirección está a executar nas oficinas de todo o Estado, con especial incidencia na Dirección Rexional Galiza-Sur. A mobilización é a segunda protesta que o persoal do banco desenvolve nas dúas últimas semanas, aínda que non se descartan novas accións logo da semana santa.

Cunha sonora pitada e aos berros de “despedidos readmisión”, ducias de delegados e delegadas do Banco Pastor participaron esta mañá na concentración convocada por CIG, CCOO, UGT e ELA contra a política laboral que a entidade financeira vén de pór en práctica mediante despedimentos arbitrarios e o inicio da desregulación das condicións dos traballadores e traballadoras.

Esta é a segunda protesta que o persoal do Banco Pastor desenvolve en menos de quince días. A primeira tivo lugar o pasado 16 de marzo en Vigo, diante da sede rexional Galiza-Sur. Mentres que a de esta mañá coincidiu coa celebración da Xunta de accionistas do Banco Pastor na Fundación Barrié de la Maza en A Coruña, cuxos asistentes recibiron de viva voz as reclamacións dos/as traballadores/as.

Até o momento, a entidade xa despediu a cinco empregados/as na Galiza, cunha antigüidade media na empresa de 25 anos, alegando problemas de actitude e falta de cumprimento de obxectivos, mais recoñecendo a improcedencia da súa decisión. Gladys Afonso, secretaria da sección sindical da CIG en Banco Pastor, explicaba que até o momento xa se fixo efectivo o despedimento de cinco traballadores/as en Galiza adscritos a oficinas das provincias de Pontevedra e Ourense, e se rescindiu a relación laboral con catro empregados máis de Valladolid, Madrid, Levante e Canarias.

Os/as afectados/as son traballadores con até 38 anos de antigüidade na empresa, despedidos, segundo as argumentacións alegadas pola entidade, por "incumprimento das expectativas" e “problemas de actitude”. Non obstante, o Banco Pastor recoñeceu a improcedencia dos despedimentos (non existe causa legal) e consignou unha indemnización de 45 días por ano traballado.

Neste senso, Afonso apunta que dende a Dirección Xeral do Banco se lle comunicou á representación sindical que os despedimentos responden a unha decisión corporativa, que terá continuidade nos vindeiros meses, en resposta á intención da entidade de incrementar a taxa de rendibilidade en Galiza.

Dende a CIG-Banca apúntase que os despedimentos das últimas semanas constitúen unha medida “de advertencia” para o persoal indefinido e con máis antigüidade que non estea pola labor de asumir a desregulación das súas condicións laborais. “O Banco Pastor pretende crear un ambiente de terror entre os traballadores e as traballadoras para que acepten condicións laborais fóra do estabelecido no convenio colectivo, baixo a ameaza de despedimento ou de traslados forzosos”, denuncian.

Dende finais de 2007, a entidade destruíu 240 postos de traballo, pasando dos 4.073 a 3.836 empregados/as, e reducindo o número de oficinas das 651 ás 595 actuais.

Galería de imaxes

cig.prensa@galizacig.com