Semella que nestes momentos estase decidindo o futuro financeiro de Galiza. Unha decisión que marcará a economía deste país para os vindeiros anos.
De ser certo que ambas as partes están hoxe sentadas, desde a CIG queremos pedirlles ás Direccións de Caixa Galicia e Caixanova que afronten este proceso coa máxima xenerosidade deixando de lado os seus intereses persoais, familiares ou de grupo.
Galiza, que ambas levan no seu lema (a nosa Caixa e a Caixa galega do seculo XXI), debe primar hoxe na súa decisión demostrando o seu compromiso coa sociedade na que naceron e medraron.
O SIP de Caixa Galicia con Caja Madrid sería unha alianza liderada pola caixa madrileña. Así mesmo, Caixanova tampouco lideraría ningún dos SIP coñecidos até o de agora. Estaríamos pois ante a desaparación definitiva das Caixas de Aforros.
Os SIP ademais son un ataque á natureza fundacional das Caixas, coa creación dun Banco cara o que traspasarían gran parte das políticas financeiras en materia de riscos, activo, ou investimentos. Un instrumento semellante levou á privatización e desaparición das Caixas de Aforros en Italia.
A CIG lamenta ademais que a Dirección de Caixa Galicia utilizase irresponsablemente un medio tan pouco oficial para trasmitir unha información deste alcance ao persoal sen contar, por outra parte, coa representación legal dos traballadores e as traballadoras.