A semana pasada un delegado de prevención recolleu do chan unha serie de mostras sospeitosas, trasladándose á Inspección de Traballo onde unha inspectora dixo que á falta dunha análise semellaba que os materiais podian conter amianto.
Foi por iso que a CIG presentou denuncia na Inspección de Traballo solicitando que se cumpran os protocolos previstos legalmente para estes casos.
O venres un Inspector xirou visita á obras, que foran sometidas a unha intensa limpeza dende que a Inspección se puxera en contacto coa Caixa, o cal para a CIG non é nada tranquilizador.
O luns a Inspección xirou unha nova visita en compañía dun técnico do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, resolvendo paralizar a obra á espera de que se analicen os materiais presentes na estrutura sospeitosos de conter amianto.
A semana pasada a CIG enviou parte das mostras recollidas a un laboratorio independente para a súa análise coa fin de determinar con urxencia se o persoal da obra, e os 500 traballadores e traballadoras da central de Caixanova, estiveron expostos dalgún xeito a este perigoso material.
O amianto, coñecido como o asasino silencioso, é un material altamente danoso para a saúde xa que entre outras enfermidades provoca varios tipos de cancro ou asbestose, polo que foi totalmente prohibida a súa comercialización. É habitual en edificios antigos polo que antes das obras debe realizarse unha analise dos materias que forman a estrutura do edificio e cando se detecta amianto debe ser removido baixo unhas estritísimas medidas de seguridade.
Máis alá da paralización preventiva da obra, a CIG continúa vixilante á espera dos resultados.