Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 26/4/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG de Vigo aposta por un 1º de Maio cunha participación masiva como antesala doutra folga xeral

Máis de 400 delegados/as participaron nunha asemblea na que se abordaron os últimos recortes do Goberno do PP
A CIG de Vigo fixo hoxe un chamamento á clase traballadora para que participe de xeito masivo nas mobilizacións do 1º de Maio como antesala dunha nova folga xeral. Máis de 400 delegados/as da central nacionalista participaron nunha asemblea celebrada na cidade na que se analizaron as últimas medidas económicas e sociais impostas polo Partido Popular.

O secretario de Organización da central nacionalista na cidade, Anxo Igrexas, compareceu en rolda de prensa xunto á responsábel de Persoal e Saúde Laboral, Begoña Caamaño, para ofrecer dos detalles dos actos conmemorativos do 1º de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora.

Deste xeito, explicaron que este mesmo sábado terá lugar unha entrega de agasallos aos afiliados/as con máis de 25 anos de compromiso e entrega co proxecto sindical nacionalista. Na comarca viguesa son máis de 800 persoas as que recibirán un recoñecemento público durante o acto que se celebrará no centro cultural de Novacaixagalicia a partir das 11.30 horas.

O acto central da xornada serán as distintas manifestacións que se celebrarán por todo o país o mesmo martes día 1. No caso de Vigo a marcha partirá da Doblada ás 12.00 horas e rematará na Porta do Sol. “Nesta ocasión a data ten para nós un significado especial porque chega un mes despois da exitosa folga xeral e das históricas manifestacións”, asegurou Igrexas. Ao mesmo tempo, incidiu na necesidade de dar unha nova resposta masiva á política de recortes do Goberno do PP “que sirva como antesala a unha nova folga xeral”. 

Asemblea de delegados/as

Precisamente co obxectivo de preparar as mobilizacións do 1º de Maio onte celebrouse en Vigo unha asemblea de delegados/as na que tamén se fixo unha valoración da folga xeral do 29 de marzo e se abordaron as últimas medidas económicas e sociais impostas polo PP.

O secretario comarcal da CIG de Vigo iniciou o acto facendo unha valoración da folga xeral do pasado 29 de marzo. Serafín Otero salientou a alta participación que se rexistrou durante toda a xornada e en especial as “históricas manifestacións” celebradas no conxunto do país, ao tempo que apelou á necesidade de que a resposta contra as políticas antisociais que está a impoñer o PP sexa continuada no tempo. “Este Primeiro de Maio ten que haber unha mobilización masiva que sexa a antesala dunha nova folga xeral”, reclamou.

A continuación tomou a palabra Manuel G. Moreira, membro de CIG-Saúde e da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, que explicou as últimas medidas aplicadas polo Goberno central mediante un Real Decreto e as súas consecuencias sobre o sistema sanitario.

Na súa opinión, a entrada en vigor do texto “dá por finiquitada a sanidade pública tal e como a entendiamos até o de agora xa que rompe algúns dos seus principios fundamentais como a universalidade, a equidade ou a gratuidade no momento da prestación. Fronte a isto, reivindicou a defensa dunha sanidade planificada en función dos intereses da cidadanía e non das empresas, participativa (da cidadanía, non só de políticos e técnicos) e con carácter redistributivo da riqueza.

Neste punto, alertou da introdución dos “valores do mercado” na sanidade pública e asegurou que a ofensiva que está a padecer responde a que “non queren mellorar a súa xestión senón liquidala”. Nesta liña, asegurou que a crise económica só é unha escusa para afondar nun plan dos anos 90 “apoiado en institucións como a OMC, o FMI, o Banco Mundial e as grandes multinacionais”.

Segundo indicou, unha das medidas que xa se propuñan daquela era o chamado copago -que cualificou como un imposto á enfermidade- e do que dixo que “non é outra cousa que volver a pagar por algo que xa pagamos cos nosos impostos, polo tanto sería mellor falar de repago”.

Denunciou que agora o que propoñen é baixar o custe da asistencia sanitaria (mediante a redución do gasto farmacéutico e das prazas e os soldos do persoal) e a controlar o acceso á mesma. “Non van supoñer aforro económico e pola contra traducirase nun empeoramento da saúde”, ao tempo que insistiu en que afectarán sobre todo a enfermos/as crónicos/as, persoas con discapacidade, pensionistas e maiores. 

Intervención de Xavier Vence

O profesor de Economía Xavier Vence foi o encargado de debullar os principais aspectos da crise económica e as alternativas ás políticas do Goberno do PP. En primeiro lugar explicou que se trata dunha crise do modelo de economía financeira baseada na especulación e non da economía produtiva e criticou que os Estados continúan a inxectar cartos públicos á banca convertendo a débeda privada en pública. “Nacionalizáronse bancos para sanealos, non para facelos públicos”, lembrou.

Vence asegurou que ademais de darlles cartos directamente ao bancos, os Gobernos están a modificar as normativas laborais para favorecer os seus intereses. Neste contexto enmarcou a reforma laboral española, da que dixo que só persegue atacar os salarios, o que reducirá o consumo e lastrará a saída da crise, “pero iso non lles importa porque non está pensada para a economía produtiva senón para a financeira”.

Finalmente, alertou que as políticas do PP non van só encamiñadas a reducir o gasto público, co conseguinte deterioro dos dereitos e servizos sociais, senón tamén a incrementar a vía dos ingresos. “Pero en lugar de recuperar impostos de patrimonio, sucesión ou sociedades o que fan é subir o IVE e o IRPF e cobrar directamente polos servizos”.

Fronte a isto, apostou por unha banca pública que financie a familias e pequenas e medianas empresas e por converter o BCE nun verdadeiro banco central, isto é, que poida prestarlle cartos directamente aos Estados para impedir que se especule coa débeda pública.

cig.prensa@galizacig.com