Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 26/4/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Concello da Coruña nega a colaboración que viña prestando á celebración do Correlingua

A entidade municipal colaboraba na carreira pola lingua dende os seus inicios no ano 1999
O Concello da Coruña retirou toda a súa colaboración co Correlingua, a carreira pola lingua organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Confederación Intersindical Galega–Ensino, que contaba coa participación da institución local desde os seus inicios no ano 1999. Para a edición 2012, dita colaboración ía consistir só na colocación dun palco propiedade do Concello da Coruña para se desenvolveren as actuacións musicais e teatrais do Correlingua, compromiso ao que chegara o Concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade nunha reunión mantida cos organizadores.

A comunicación desta retirada, asinada polo Director da Área de Educación, Deportes e Mocidade, Juan Carlos Varela Vázquez, non especifica ningunha razón. Permítese, iso si, recomendar o uso dun dos pavillóns deportivos dalgún dos centros escolares participantes, aínda a sabendas que no lugar onde se ubicaría o palco, ao pé da Torre de Hércules, non hai ningún colexio nin instituto. Chama a atención, así mesmo, o descoñecemento que o titular desta Área, inspector educativo de profesión, ten de como pode interferir na actividade diaria dun centro educativo a festa final do Correlingua, onde haberá un concerto, megafonía, 4000 escolares...

A denuncia realízase o mesmo día en que, polos medios de comunicación, as entidades organizadoras teñen noticia da intención do Concello da Coruña de ceder gratuitamente o Coliseum a unha empresa de espectáculos taurinos. “Como é lóxico, o gasto que isto supón para o Concello da Coruña é infinitamente superior ao que significaría ceder o uso dun simple palco”.

A organización do Correlingua descoñece os motivos polos que o Concello decidiu retirar unha colaboración que acordara verbalmente, mais lembra que unha institución pública que se debe ao conxunto da cidadanía non se pode rexer polos gustos dos seus representantes, máis cando actividades educativas como o Correlingua teñen como obxectivo propiciar a reflexión sobre a situación da lingua galega e a importancia de activar as accións en prol dela, o que encaixa dentro do Plan de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento Galego, como ben souberon entender todas as institucións, de todas as cores políticas, que colaboran e levan colaborado co Correlingua ao longo deste 13 anos. 

Esta negativa do Concello da Coruña a ceder un dos palcos dos que dispón, tal e como acordara co Correlingua, mostra como os responsábeis desta institución antepoñen os seus prexuízos ideolóxicos, neste caso contra a lingua galega. “Como se ve, para o goberno municipal do PP é máis importante para a nosa cultura e progreso subvencionar touradas que actos lúdicos a favor da nosa lingua”, sinalan nun comunicado.O Correlingua non é máis que o remate de toda unha serie de actividades realizadas nos centros de ensino ao longo de todo o curso e que foron aprobadas polos respectivos consellos escolares dos participantes, como ben saben tanto o Concelleiro de Educación, mestre, como o Director da Área de Educación, inspector de educación.

Así as cousas, o Correlingua manterá o seu programa previsto na Coruña para o 4 de maio, para o que xa recibiu, como todos os anos, os permisos pertinentes tanto da Concellaría de Mobilidade como da Subdelegación do Goberno na Coruña.

cig.prensa@galizacig.com