A concentración tivo lugar ás 18:00 horas do luns 25 de maio diante do lugar onde ocorreu o accidente e contou coa participación de varios membros da CIG na comarca de A Mariña. “Con esta concentración, como coas outras que viñemos facendo, pretendemos, ademais, que este tipo de feitos non pasen fugazmente como unha breve noticia máis nos xornais, e que sexamos capaces de dedicar un momento a recapacitar na importancia da prevención de riscos e o traballo con seguridade”, destaca o secretario comarcal, Xorxe Caldeiro.
O obreiro falecido caeu dun do extremo lateral dun dos andamios da obra na que estaba traballando, ao parecer por un fallo nun punto de soldadura dunha das barras de seguridade.
Para Caldeiro resulta fundamental que todos (empresas, administracións e traballadores/as) “fagamos os esforzos necesarios para evitar que traxedias coma esta volvan ocorrer. Pensemos que a próxima vítima poderíamos ser calquera de nós. Temos que poñer todos os medios para que os accidentes sexan menos e as súas consecuencias menos graves”.