A través da concentración os traballadores e as traballadoras queren exixir á Xunta que asuma a súa responsabilidade neste expediente de regulación, pois “a administración ten moito que dicir”. Antonio Niño, responsábel da CIG-Construción en Lugo, reiterou a oposición total “a este ERE inxustificado” e destacou que Ingermarga, de capital vasco e dedicada ao serrado de pedra, aínda non entregou gran parte da documentación necesaria para avaliar o expediente.
Os traballadores/as acordaron tamén convocar un paro parcial na fábrica, coincidindo coa concentración, así como unha manifestación en Guitiriz o próximo sábado 13 de xuño.
Non negociar despedimentos
Pola súa banda, a dirección da empresa, durante a reunión mantida o luns 25 de maio, comunicou aos representantes dos traballadores/as a súa decisión firme de continuar adiante co ERE e achegaron unha proposta económica de 35 días de indemnización por ano traballado para os traballadores que sexan despedidos. Niño subliñou que esta oferta pode deberse á intención da empresa de “comprar vontades” ante a posibilidade de que a administración non aprobe o ERE.
Non obstante, os traballadores/as amosaron a súa firme decisión de “non negociar nin un só despedimento”. “Parécenos necesario de cara a garantir a viabilidade da empresa en Guitiriz que non se leve a cabo ningunha redución do cadro de persoal”, apuntou o responsábel da CIG-Construción en Lugo.
Nesta liña, Niño indicou que o expediente presentado por Ingemarga é unha simple “operación mercantil, non motivada por causas económicas ou doutro tipo. Eles mesmos falan da reorganizacións que se está a vivir no sector da pedra e apuntan á deslocalización. O que buscan e abaratar a produción”.