Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 26/5/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Concentración contra o acoso e a persecución a un traballador da empresa Envoltorios Stock

A empresa, situada en Cambre, leva dous anos atacando o empregado de xeito continuado, impóndolle amoestacións e sancións inxustas e modificando as súas condicións de traballo
Delegados e delegadas da CIG participaron esta mañá nunha concentración diante dos xulgados de A Coruña para denunciar a situación de persecución e acoso laboral que está a padecer un traballador da empresa Envoltorios Stock, dedicada ao comercio do papel e Artes Gráficas. A protesta coincide coa celebración do xuízo polas vacacións do traballador, que a empresa, situada no Polígono Espírito Santo en Cambre, impuxo de xeito unilateral e incumprindo a lexislación.

A vítima, que desenvolve traballos de mozo empaquetador, vén padecendo unha insostíbel situación de acoso e derrube por parte da empresa dende principios do ano 2008. Nese período, o traballador recibiu catro amoestacións por parte da empresa, chegando a sancionalo por presunta comisión dunha falta leve, contra a que se interpuxo demanda no Xulgado do Social, cuxo xuízo se celebrará tamén esta semana.

Non obstante, a situación de acoso agravouse a partir de setembro de 2008 até o punto de que a empresa despediu ao traballador alegando “fraude á empresa e á Seguridade Social”, mentres o afectado se atopa de baixa médica. O despedimento foi declarado improcedente polo Xulgado do Social número 4 de A Coruña, polo que Envoltorios Stock tivo que readmitir ao empregado.

Dende ese momento, o proceder da empresa acadou cotas insufríbeis, rexistrándose un intensísimo acoso manifestado a través de múltiples amoestacións por escrito (incluso dúas nun mesmo día) e tres sancións, a última delas cunha sanción de emprego e soldo de 38 días. Ademais, a principios de marzo deste ano a empresa modificou as condicións de traballo a este empregado, cambiándolle o horario e dificultando así o seu dereito a conciliar a vida laboral e familiar.  

Por mor do intenso e constante acoso e persecución ao que se ve sometido o traballador, a súa saúde tense resentido gravemente e agora atópase nunha situación anímica complicada, recibindo tratamento farmacolóxico e con consulta preferente para psiquiatría.

Este abuso xa foi denunciado diante da Inspección de Traballo coa fin de que a autoridade laboral interveña e sancione á empresa polo seu proceder, obrigándoa a desistir do seu comportamento de acoso e derrube, arquivando todos os expedientes disciplinarios abertos e normalizando as relacións laborais co traballador.

cig.prensa@galizacig.com