A consellaría de Sanidade ten previsto pechar varios servizos do CHUS, o que conleva a eliminación provisoria dun grande número de camas, que quedarán pechadas ou bloqueadas entre o 1 de xullo e o 30 de setembro. Para CIG-Saúde esta medida responde a unha política de recortes aplicada polo goberno da Xunta de Galiza que pon de manifesto cal é a política sanitaria de Alberto Núñez Feijóo.
Para a CIG-Saúde, isto provocará un incremento das listaxes de espera, que actualmente “chegan a contar por milleiros o número de doentes que están agardando por determinadas cirurxías”; o traslado de pacientes a outras áreas sanitarias, como no caso de Pediatría ou ben a clínicas privadas, “o que vai supor un maior gasto sanitario contribuíndo así á política privatizadora do goberno do PP” explican.
Entenden que esta situación é totalmente incomprensíbel, xa que hai pouco tempo que se fixo un importantísimo investimento na reparación e equipamento da área cirúrxica do hospital de Conxo e que agora se ve totalmente desaproveitada.
“Isto resúltanos preocupante, xa que consideramos que conleva unha ineficiente xestión que non responde ás demandas e necesidades da cidadanía desta área e deixa sen garantías dunha asistencia segura e de calidade”, afirman
Segundo a comunicación do CHUS, os servizos afectados son:
HOSPITAL CONXO:
* CAMAS CIRÚRXICAS PECHE DO 15/07 AO 16/09
- PLANTA BAIXO DEREITA (TRAUMA, UROLOXIA E MAXILOFACIAL)
- PLANTA PRIMEIRO DEREITA (CIRURXÍA XERAL E DIXESTIVA, DERMATOLOXÍA E OFTALMOLOXÍA
- CAMAS MÉDICAS PECHE DO 1/07 AO 30709
- PLANTA TERCEIRO DEREITA DE NEUMOLOXÍA
HOSPITAL GIL CASARES
* CAMAS MÉDICAS PECHAN DO 15/07 AO 16/09
- PLANTA 2ª MEDICINA INTERNA E DERMATOLOXIA
- UNIDADE MEDIA ESTANCIA ( UME) PECHE DE 7 CAMAS DO 1/07 AO 16/09
HOSPITAL CLÍNICO
* PECHE DO CAMAS CIRÚRXICAS
- PLANTA 4º B CIRURXIA XERAL DO 15/07 AO 16/09