“Pretendemos facervos un recoñecemento individual a cada un de vós, claramente merecido, pero cremos que é tamén un bo momento para destacar valores como a solidariedade, o traballo colectivo, a xenerosidade, o compromiso militante e desinteresado a favor dunha noble causa, como a que representa a loita da clase traballadora por construír unha sociedade máis libre, xusta, solidaria, democrática e, no noso caso, máis galega”.
Así arrincaba Suso Seixo a súa intervención de clausura deste acto de homenaxe aos homes e mulleres da CIG de Compostela que, coa posta en práctica deste valores, colaboraron, dixo, “para construír un proxecto sindical, como o que hoxe representa a CIG, nas circunstancias tan difíciles en que se fixo”.
Un proxecto sindical ao que “procuramos ser fieis”, explicou, mantendo en todo momento “unha actitude combativa e de confronto cos poderes económicos, con aqueles que nos explotan como clase e que nos oprimen como nación”. Un proxecto sindical que, afirmou, ten o obxectivo estratéxico de facer realidade “unha sociedade galega socialista, nunha nación soberana”.
O secretario xeral da CIG sinalou ademais a adversa situación na que se desenvolve a actividade da central sindical: nun sistema económico capitalista; nunha sociedade –a galega- “colonizada no político, no económico e no cultural”; nun Estado con “forte vocación centralista”; baixo un acoso permanente dos poderes fácticos, a comezar polos medios de comunicación, e disputando o espazo con organizacións sindicais estatais “cunha práctica e uns posicionamentos ideolóxicos moi integrados no sistema e que responden claramente a esa visión centralista do Estado”.
Malia todas estas dificultades, manifestou a satisfacción de ser a primeira central sindical en afiliación e en capacidade mobilizadora, e unha peza básica nas relacións laborais en Galiza “sen renunciar aos nosos principios e mantendo a nosa autonomía financeira”, matizou.
Denunciou os recortes de dereitos e de calidade de vida conseguidos logo de anos de loita do movemento obreiro e das organizacións da esquerda. Recortes que, lembrou, están a practicar a burguesía e o capital, sob pretexto da crise económica e fixo un chamamento a responder a estas agresións con “máis organización” e “cun debate ideolóxico aberto á sociedade sobre que modelo económico e social é máis favorábel aos intereses da maioría”.
Do mesmo xeito, reclamou o valor da CIG, como “ferramenta que entre todas e todos construímos”, e pediu manter a firmeza e a esperanza “nas propias forzas e na nosa capacidade”, para superar “con éxito” o reto que supón para a loita de clases a crise económica e as saídas á mesma “na procura de que sexa favorábel aos intereses da nosa clase e do noso pobo”.
De igual xeito, Ramiro Oubiña e Anxo Noceda, agradeceron o compromiso de todas e todos os militantes que foron homenaxeados. O secretario comarcal recoñeceu o “traballo, compromiso, e loita que moitos e moitas de vós mesmo vides realizando de xeito continuado dende a propia dictadura”. Salientou o seu papel como “un claro referente a seguir” na permanente loita da central sindical “pola construcción dunha sociedade mais xusta e igualitaria”. Unha sociedade na que os homes e mulleres “realmente sexamos libres”, afirmou, “na que os dereitos dos pobos si sexan recoñecidos, en definitiva, por unha Galiza Soberana e Socialista”.