marco
Vigo, 26/6/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Antolín Alcántara, secretario de negociación colectiva da CIG.

O luns comezará pola mañá a marcha a pé a Compostela dos traballadores en folga do Metal desde Pontevedra

Chegarán o martes en manifestación até á Xunta de Galiza
Os traballadores e traballadoras en folga do Metal de Pontevedra continúan a loitar na defensa dun convenio xusto e decidiron ir máis alá nesta mobilización: o luns comezarán unha longa marcha desde Pontevedra a Compostela a pé para rematar esta manifestación cunha concentración ás portas da Xunta de Galiza en San Caetano. Esta mobilización realizarase en dúas xornadas, e está prevista a chegada desta marcha ao mediodia do martes. Os folguistas chegarán vestidos coa súa funda a Compostela para visibilizar a multitude que representa o Metal e a trascendencia desta loita de dignidade e resistencia que son.  

No dia número 18 de folga as forzas non decaeron no sur do noso país. Despois da exitosa xornada de folga xeral do sector, de novo, eran milleiros os traballadores que primeiro realizaban piquetes nas súas zonas de traballo e despois comezaban longas marchas polo centro da cidade.

Antidisturbios en Metalships

A primeira hora da mañá, catro furgóns policiais acudían a Metalships para tentar que algunhas persoas de empresas auxiliares, que foron chamadas polas auxiliares á casa e ameazados, foran traballar, mais a presenza dun piquete e a resistencia dalgúns traballadores de Metalships a traballar mentres permanecera no interior de Metalships os antidisturbios, fixo que finalmente desistiran tanto os esquirois como a Policia.

De novo marchas imensas

Desde Barreras volvia sair unha numerosisima marcha que nesta xornada decidía acudir até a rotonda de Sanjurjo Badia recoller aos compañeiros de Vulcano e Metalships, que logo realizaron todos xuntos o seu habitual percorrido, por Bos Aires, Travesia de Vigo, e que baixaron finalmente por Venezuela até a Praza do Concello. O piquete da Avenida de Madrid e Mos xuntouse con este grupo tamén na Travesia.

Novamente era moita a presenza policial e a súa provocación, pero os traballadores do Metal volveron demostrar a súa forza e combatividade, volveron amosar que era importante este conflito e quen tiña que ser visibel, por moito que desde a Delegación do Goberno quixeran transformar este conflito nun constante enfrontamento policial.

Asemblea na Praza do Concello

Despois das doce chegabase á Praza do Concello, onde tiña lugar unha asemblea na que interviña Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG.

Comezou a súa intervención explicando en que vai consistir a marcha a pé a Compostela: "a idea é partir o luns a primeira hora, pero ainda que vaiamos os que vaiamos a Compostela, aqui vai quedar xente para facer o traballo de seguimento da folga. Non vai quedar isto desprotexido. Hoxe en Ribeira voltamos sacar xente dun barco, porque pensaban que alá en Ribeira estaban demasiado lonxe, e que ali non os iamos buscar, pero fomos ali, asi que tomen nota tamén diso".

En autobuses a Pontevedra

Alcántara continuaba sinalando que "imos sair ás oito da mañá de aqui, do concello, da rúa Venezuela, en autobuses. En Pontevedra comezaremos a camiñar e faremos unha ruta dun dia até Padrón. Xantaremos en Caldas e en Padrón descansaremos esa noite en dous pavillóns, imos ter duchas ou no rio a quen lle apeteza. Imos levar comida para os dous dias, imos habilitar o almorzo do dia seguinte onde durmimos. Irá tamén un "coche-escoba" mais sei que non vai facer falta, pero de todos xeitos vai ir acompañándonos".

Chegada o martes a Compostela

"A idea é chegar sobre as dúas da tarde o martes a Compostela diante da Xunta de Galiza, e dicímolo xa porque supoño que a Policia o saberá igual, pero nos imos concentrarnos alí para reclamarlle a Xunta que tome a iniciativa e que faga o traballo que debe, o que non fixo até agora nun conflito de tanta trascendencia e importancia como este", indicaba.

Alcántara, sobre esta mobilización, subliñana que "aproveite a ocasión para que nos diga o señor Feijoo o mesmo que dixo nalgún medio de comunicación, que nos diga quen é o culpábel de que este conflito se estea a alimentar e que tarde tanto en solucionarse, cando dicia que non era o momento de folgas, que non era o momento de conflito, que nos diga iso a nós, que llo imos explicar persoalmente. Que mire cada dia as fotografias, as imaxes, todo o que se transmite cada dia aqui e porque a xente continúa aqui, e resiste todo isto, porque como dicia un compañeiro na manifestación: tantos milleiros non podemos estar confundidos, é imposíbel".

Ultima xornada da marcha en funda

Ademais, engadiu que "en Pontevedra imos partir no Pavillón, xunto ao campo do Pasarón. Levade na mochila unha funda, porque imos entrar en Compostela con funda, para que se nos distinga".

"Este conflito non remata"

Diante da actitude da patronal, o secretario confederal de Negociación Colectiva, manifestou que "o que podemos transmitirlle aos empresarios é que aqui mentres non se chegue a unha solución acordada cos traballadores, este conflito non se remata. Esa é a nosa palabra e o testemuño de todos os que participamos aqui, no corazón deste conflito, de todos os que estades aqui, dando a cara todos os dias e esa mobilización non se pode traizoar. Gustariamos que a solución estivera próxima, pero polo cansazo e economicamente non nos van render. Se aínda non son foron quen de entendernos que vaian tomando nota, porque non nos van vencer. Mentres teñades esta conciencia, mentres teñades esta confianza de que hai que gañar este conflito, seremos invencíbeis".

En folga tamén o mércores

Ademais, "a partir do martes, forzosamente o mércores continuamos en folga e a partir de aí o mércores se continuamos ou modificamos a resposta. Aqui imos prepararnos e organizarnos para chegar ao mes que faga falta e até onde faga falta, e non imos darlle descanso para que as empresas poidan cumprir cos seus clientes, nunca van ter perspectiva de en que momento van poder traballar con normalidade".

Aviso ás empresas que impaguen as nóminas

Alcántara adiantou que "as empresas que están ameazando con non pagar as nóminas neste mes, que saiban que ali onde estean, se son concesionarios, empresas auxiliares do naval ou calquera empresa deste sector que queira castigar á xente non pagando a nómina deste mes, que saiba que se están nun estaleiro que lle imos transmitir ao estaleiro se esa empresa continúa tampouco vai haber paz, non lle imos permitir que continúe, asegurarémonos que os traballadores continúen, pero a empresa que tome esa decisión de non pagar esas nóminas vai quedar fora. E en calquera outra empresa de calquera outro subsector que queira facer o mesmo, ímoslle dar unha resposta parecida. Polo tanto que aceiten tamén ese desafio e que saiban onde se van meter".

Impacto da folga xeral

Sobre o impacto da folga xeral, Antolín Alcántara subliñou que "unha das cadeas se retrasou corenta e cinco minutos, ademais de que os coches saíron sen bastantes pezas, porque non se puideron asistir todos os accesorios e toda a parte auxiliar que viña do resto das empresas, e diso si que temos constancia, porque moitos compañeiros de Citroen se solidarizaron con nós, que son os que merecen a pena".

"Estaría ben que os medios reflectiran en que modo se produciu a carga e como foi provocada, porque nas noticias parece que se deseña un mundo diferente ao real, mais os milleiros de persoas que miramos onte aquilo, pois parecera que non aconteceu. É curioso, pero menos mal que somos uns cantos milleiros e podemos dar testemuño de todo o que sucedeu alí. Nós chegamos a moitisima xente, temos a nosa palabra e sabemos o que pasou onte. Sabemos o apoio e solidariedade que tiveron onte moitisimos traballadores das empresas do convenio que estaban con nós, e porque o puidemos cifrar naquela multitude que éramos e ademais asi como queriamos tivo a sua incidencia na produción das empresas, e bastante, aínda que queiran ocultalo", concluiu Alcántara.

Instrucións para a marcha da dignidade

Despois desta asemblea, aproveitouse para comezar a anotar aos traballadores e traballadoras que se van desprazar até Compostela, e repartíronse unhas instrucións para esta viaxe, que a continuación transcrebemos:

"Material necesario

Imprescindibel camaraderia e compañeirismo. Mochila pequena, non leves cousas colgando. Saco de durmir. Esteira. Chaleco reflectante. Protección solar. Roupa cómoda. Calcetíns finos e grosos. Calzado cómodo para camiñar. Roupa e calzado de reposto. Chuvasqueiro. Neceser de aseo persoal e toalla. Os que teñades medicación, lembrádea. Chocolate, froitos secos e galletas. Non esquezades o bo humor".

Máis imaxes da xornada e videos

Podedes consultar máis imaxes desta xornada nesta ligazón ou na sección multimedia da web, onde podes atopar todos os videos, clicando na sección de videos, ou nesta ligazón.