Cando estoupou o escándalo polas indemnizacións multimillonarias, a entrada do Estado na Entidade e a baixa valoración, a CIG presentou senllos escritos na Fiscalía Xeral do Estado e no Banco de España reclamando unha investigación pola mala xestión, os cobros indebidos en materia de prexubilación e a valoración a baixa.
Máis alá da polveira levantada sobre as indemnizacións argumentaba a CIG que os libros están obrigados a recoller fielmente a valoración da empresa. Porén, “a rebaixa puña en evidencia que ou os libros non reflectían fielmente este valor ou que houbera unha alteración do valor da mesma rebaixando o valor a 188 millóns de euros”, sinala o secretario nacional de CIG-Banca, Clodomiro Montero.
Agora a querela da Fiscalía Anticorrupción sinala que a “Due Diligence” realizada estableceu que “os estados contables de novagalicia banco non reflectían a súa verdadeira situación patrimonial, pois existen unha serie de provisións que habería que contabilizar”. Pero a querela non incide nesta cuestión, da que deberon ser coñecedores os organismos públicos.
Resulta tamén rechamante que a querela presentada pola Fiscalía Anticorrupción, faga mención á ocultación de datos ao Banco de España. “A CIG tamén se dirixiu a este organismo solicitando a apertura dun expediente sancionador, na súa contestación o Banco de España lembrou que potestade de sancionar era deles, pero nada fixo o organismo supervisor”, afirma Montero.
A CIG considera pois que malia que a querela é un paso adiante positivo, a Fiscalía “non entra a valorar cuestión principais coma a mala xestión, a baixa valoración da caixa, ou a actuación do Banco de España”.