Un total de 56 traballadores da Construtora San José da provincia de Pontevedra estaban chamados ás eleccións sindicais para escoller, polo Colexio de Técnicos e Administrativos a 2 delegados/as e, polo Colexio de especialistas e non Cualificados, a 3.
Até este ano, nunca se presentara unha candidatura ao Colexio de Técnicos e ademais, a da CIG, foi a única presentada. Deste xeito, a central sindical obtivo os dous representantes.
Na do Colexio de Especialistas e non Cualificados, canda a CIG -que obtivo 2 delegados de 3- presentouse a candidatura da UGT, que ficou cun único delegado.
A central sindical revalida así a súa maioría no Comité, reforzando a representación obtida hai catro anos, que fora de 3 delegados dos 4 posíbeis, ao quedar deserta a representación do Colexio de Técnicos.
Estes resultados, segundo o representante da CIG-Construción, veñen corroborar que no período intermedio das eleccións sindicais os resultados na comarca e provincia de Pontevedra superan, con creces, o 40% no sector da Construción. “Están na mesma liña dos obtidos no período concentrado, onde se acadou o 43%”, afirma Agulla.