Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 26/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Fiscalía mantén a petición de tres anos de cadea para dous sindicalistas da CIG aínda que non existen probas inculpatorias

Marcos Cadórniga e Carlos Alján, da federación de Servizos, foron identificados cando integraban un piquete na folga do comercio de alimentación
A fiscal decidiu manter a petición de tres anos de prisión para os dous sindicalistas da CIG acusados, xunto a un terceiro de CCOO, dun delito contra a liberdade dos traballadores/as pola súa participación na folga do comercio de alimentación en 2009 a pesar de que durante o xuízo celebrado hoxe en Pontevedra non se constatase a existencia de probas. Varios centos de persoas trasladáronlle a súa solidariedade aos acusados cunha concentración ás portas do edificio xudicial.

O Xulgado do Penal número 1 acolleu este mañá o xuízo contra Marcos Cadórniga, liberado da CIG-Servizos, e Carlos Alján, delegado da central nacionalista en Froiz, que están acusados dun delito contra a liberdade dos traballadores/as durante a folga do comercio de alimentación que tivo lugar nas provincias da Coruña e Pontevedra o 27 de novembro de 2009. Xunto a eles tamén está procesado un membro de CCOO.

O xuízo quedou visto para sentenza tras hora e media, tempo no que declararon tres testemuñas da acusación (a encargada e unha traballadora do supermercado Gadis da rúa Benito Corbal de Pontevedra e un dos policías que identificou os acusados o día dos feitos) e dúas da defensa (unha persoa afiliada da CIG que formaba parte do piquete e unha ex traballadora de Gadis).

Ao remate das declaracións a fiscal do caso decidiu manter a petición de tres anos e un día de cadea e unha sanción económica de 13 meses a razón de cinco euros diarios a pesar de que en ningún momento quedou acreditado que os acusados tivesen obrigado os empregados do supermercado a abandonar as instalacións. Neste senso, a propia encargada do supermercado fixo un relato dos feitos moi confuso e cheo de imprecisións, para rematar recoñecendo que todo o que dicía era por referencias doutras compañeiras. A traballadora que compareceu a petición da acusación nin sequera foi quen de recoñecer os acusados.

Pola súa banda, o policía español que participou na identificación dos acusados asegurou que o fixo despois de que o encargado do supermercado lle dixera que os causantes dos danos no interior do local fora o xente que se atopaba ás portas do establecemento. O axente sostivo tamén que o feito de que só lograran identificar a catro persoas (os tres acusados e unha muller que formaba parte do piquete) explícase porque o resto das persoas congregados comezou a marchar.

Os avogados da defensa pecharon a quenda da conclusións facendo fincapé en que en ningún momento quedou acreditada a participación dos tres acusados nos feitos que se lles imputan, mentres que a fiscal decidiu manter a petición de cadea alegando que “queda claro que los trabajadores/as del supermercado querían trabajar ese día, por lo que algo tuvo que pasar por la tarde para que abandonasen el local”. 

Concentración solidaria

Varios centos de persoas trasladáronlles a súa solidariedade os procesados cunha concentración ás portas dos Xulgados da Parda que deu comezo ás 10.00 horas, media hora antes do inicio da sesión. O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, criticou este novo intento de criminalización do sindicalismo e denunciou que “mentres a Fiscalía fai a vista gorda cos empresarios/as que delinquen e defraudan, estamos a ver como non lle treme a man á hora de pedir penas de prisión para aquelas persoas que defenden os dereitos da clase traballadora”.

Finalmente, agradeceu o presenza de todas as persoas que quixeron achegarlles o seu apoio os acusados, “especialmente a todos/as aqueles/as que loitades día a día nas empresas para facer valer os dereitos dos vosos compañeiros/as”.

cig.prensa@galizacig.com