Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 26/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Nova concentración das traballadoras de Mafecco contra o ERE de extinción para 42 persoas

O persoal concentrouse diante da Inspección de Traballo, coincidindo coa reunión entre a parte social, a empresa e a autoridade laboral
As traballadoras de Mafecco realizaron unha concentración este martes diante da Inspección de Traballo, coincidindo coa xuntanza que a parte social e a empresa ían manter coa autoridade laboral. As traballadoras afectadas polo ERE de extinción quixeron aproveitar a ocasión para amosar o seu rexeitamento a esta medida e denunciar que os obxectivos da empresa non son outros que deslocalizar a produción.

Durante a protesta a CIG e o Comité reiteraron que non existen motivos que xustifiquen o expediente de regulación de emprego para 42 traballadoras, tal e como demostran as múltiples contradicións nas que incorre a empresa á hora de defender as causas do expediente.

Así, a responsábel do téxtil da CIG, Dores Martínez, lembra que non é certo que a empresa teña falta de liquidez por impagamento dos principais clientes; nin que non haxa carga de traballo –as empregadas non afectadas polo ERE foron obrigadas a cambiar o calendario de vacacións e regresar ao seu posto-; nin que teña problemas por mor da suposta rixidez e sobredimensionamento do actual cadro de persoal.

Ao entender da CIG e o Comité, a empresa propón a extinción dos contratos das traballadoras da cadea de produción porque aposta por un modelo de negocio que pivota sobre a confección para outras marcas e especialmente pola distribución de prendas confeccionadas fóra da fábrica. “É dicir, aposta claramente pola externalización da produción e por iso só queda co persoal de deseño e patronaxe”, asevera Martínez Castelo.

As traballadoras continuarán o seu calendario de mobilizacións o vindeiro xoves cunha protesta diante da empresa, coincidindo cunha nova reunión do período de consultas.

cig.prensa@galizacig.com