Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 26/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Persoal de Seaga marcha a pé dende Ferrol até a base do Ponto para denunciar o recorte nas contratacións [Vídeo no interior]

CIG-Servizos e os traballadores/as advirten que este ano o dispositivo para Ferrol-Eume-Ortegal só contará con 20 persoas
O persoal de Seaga do Distrito 1 marchou na mañá do luns dende os edificios da Xunta en Ferrol até a base que a empresa ten no Ponto para denunciar o recorte nas contratacións do dispositivo contra os lumes e a progresiva privatización do servizo. Na marcha, convocada pola CIG-Servizos, alertouse de que para este ano as contratacións no distrito 1 pasaron de estar integradas por 75 persoas a contar con tan só 20 brigadistas.

A protesta arrancaba das portas do edificio administrativo da Xunta en Ferrol, onde traballadores/as e extraballadores/as de Seaga e sindicalistas da CIG mantiveron unha concentración. Alí, representantes do persoal denunciaron a “improvisación” da Xunta na loita contra os lumes, xa que até o venres pasado o Goberno galego non deu a coñecer o plan de defensa e prevención de incendios forestais, a pesar de estar a só uns días do inicio da campaña de verán.

Neste senso, destacan que dende o inverno xa se rexistraron 16.000 hectáreas de monte queimado e espazos protexidos que foron destruídos polo lume (como na serra do Xurés, Invernadoiro, as Fragas do Eume,...) sen que “a Xunta contratase persoal nin de prevención, nin de extinción nin de rexeneración”.

Dende a CIG-Servizos e a representación do persoal denúnciase que se está deixando de contratar a persoal contraincendios con experiencia e coñecementos e témese que o servizo sexa privatizado. Así, lembran que hai 228 denuncias de traballadores/as de Seaga contra a fraude do sistema de contratación, pero que a empresa continúa a ofrecer só “precariedade, inseguranza e diminución do servizo, reducindo irresponsabelmente os medios na loita contra os incendios”.

De feito, denuncian que a Xunta está comezando a contratar persoal a través doutras empresas, como Tragsa ou Nanutecnia, co obxectivo de reducir as contratacións a través de Seaga e así evitar recoñecer a condición de fixos-discontinuos dos traballadores e traballadoras que entren a desenvolver a súa actividade na empresa pública.

Esta multiplicidade de empresas, alerta a CIG-Servizos, dificultará a coordinación do operativo que, de cumprirse os prognósticos, estará conformado polo medios propios da Xunta, de Seaga, de Natutecnia, de Tragsa  e dos concellos que contan con medios propios.

Por iso, os traballadores/as e a CIG reclaman uns servizos públicos e unificados polas listas da Xunta de Galiza, nos que se valore a expediente, e se recoñeza aos traballadores/as o tempo de servizo, así como un convenio propio no caso de continuar como persoal de Seaga.

O colectivo de traballadores/as de Seaga tamén denuncia a “irracionalidade” do actual modelo de xestión forestal, que esquece os servizos ambientais e sociais do monte e da biodiversidade, fomentando os monocultivos e especies pirófitas, “como consecuencia da miopía dun sistema de loita contra o lume que segue primando a extinción e o desbaldimento de recursos en lugar de investir en prevención”.

Así mesmo, pediron a derrogación da Lei de Montes porque “achegará o lume ás casas reducindo as faixas de protección de 100 a 50; limita a capacidade de xestión e decisión das comunidades de montes; por ter unha visión produtivista do monte galgo e primar grandes extensións de monocultivo de especies”.

cig.prensa@galizacig.com