Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 26/8/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Os expedientes da Dependencia están amoreados nas delegacións da consellaría de Traballo, segundo CIG-Administración Autonómica

Afirman que levan case tres meses paralizados e que o persoal funcionario ten orde de contestar ás chamadas dicindo que están en poder da administración pero “sen mecanizar”
CIG-Administración vén de denunciar que os expedientes da Dependencia correspondentes ás solicitudes feitas nos meses de xuño, xullo e agosto,  que a Consellaría de Traballo vai enviar a INDRA Sistemas, e que foron embalados a primeiros de agosto para ser recollidos por esta empresa están, agás na Coruña, amoreados nas Delegacións desta consellaría. Aseguran ademais, que o persoal funcionario recibiu a orde de contestar ás chamadas das/os cidadáns dicindo que están en poder da administración pero que aínda están “sen mecanizar”.

CIG-Administración lembra que o Decreto 15/2010, de 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da dependencia e o dereito ás prestacións, estabelece un prazo máximo para resolver de 3 meses para o recoñecemento do nivel de dependencia e outros 3 meses para o Programa Individual de Atención.

Do mesmo xeito, estabelece que de cumprirse os prazos máximos sen resolución expresa as solicitudes entenderanse desestimadas.

A CIG-Administración entende que esta parálise provocada pola Consellaría de Traballo vai ter repercusión directa sobre os solicitantes, que van ver desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Denuncia ademais a orde recibida polos traballadores de comunicarlle ás persoas interesadas en coñecer o estado do seu expediente que este “obra en poder da administración” e que “aínda non está mecanizado”, “eufemismos empregados para ocultar que os procedementos están paralizados e que aínda non foron enviados a INDRA Sistemas”, afirman.

Diante desta situación, a CIG-Administración exixe a resolución do contrato con INDRA Sistemas, a devolución dos expedientes que están en poder desta empresa e a dotación de máis persoal para o Servizo de Dependencia.

cig.prensa@galizacig.com