Dende as Sección Sindicais da CIG reclámase ao Goberno español que deixe de demorar a resolución da problemática da tarifa eléctrica e dea unha pronta solución a esta cuestión, xa que a falta dun prezo da enerxía competitivo é a escusa aducida pola empresa para ameazar co peche. Hai que ter en conta tamén que Galiza é produtor de enerxía eléctrica, polo que a lóxica fai pensar que dende a administración resultaría sinxelo estabelecer outro tipo de prezo tanto para a industria como mesmo para os fogares do noso País.
Do mesmo xeito, a representación da CIG na empresa matiza que esta tarifa se demanda para as fábricas do aluminio, non para Alcoa, polo que instan aos gobernos do PP a conseguir o compromiso da multinacional de que manterá a actividade das plantas que ten na Coruña e na Mariña e os postos de traballo; ou ben, no caso de que Alcoa decida abandonar a produción en Galiza, que sexa a propia administración a que busque un comprador para as instalacións ou mesmo que proceda á nacionalización da produción. A este respecto, lembran que a industria do aluminio, alén de xerar beneficios, é unha industria básica no noso País.
Rexeitamento á criminalización da protesta
Así mesmo, a Unión Comarcal da CIG da Coruña quixo amosar o seu total rexeitamento ao novo intento de criminalizar as mobilizacións da clase traballadora vivido este mércores ás portas da Delegación do Goberno na Galiza. A central sindical censura que no marco dunha concentración pacífica e debidamente comunicada a única resposta do Goberno sexa promover unha actuación represora, máxime cando o persoal o único que reclama é a continuidade dos seus empregos.
Cómpre subliñar que das máis de 300 persoas que tomaron parte da concentración celebrada na Praza de Ourense, a policía identificou, sen mediar palabra e dándolle un trato absolutamente vexatorio, a un único traballador do cadro de persoal de Alcoa Inespal, que ademais é membro do Comité de empresa pola CIG.
A central nacionalista lamenta que unha vez máis a única resposta do PP pase por criminalizar a loita dos traballadores e traballadoras en lugar de procurar unha solución que garanta a continuidade dos empregos nas factorías galegas de Alcoa.