Un total de 11 carteiros/as, cinco destinados a zona urbana e outros 6 para o rural, encárganse de repartir os obxectos postais dunha poboación de case 20.000 habitantes, en constante incremento. Dende a sección da CIG en Correos explicaron que para desenvolver o traballo con eficacia e poder ofrecer un reparto normalizado do correo farían falla polo menos tres carteiros máis.
Segundo explicaron dende a CIG-Correos, as zonas máis afectadas pola falla de persoal e polo tanto que maior atraso sofren no reparto postal son Abanqueiro, Cespón e Escarabote.
Nesta ocasión, ademais de reclamar un aumento do cadro de persoal para mellorar as condicións de traballo e a calidade do servizo, tamén se denunciou a situación que están a vivir algúns dos traballadores e traballadoras desa oficina de Boiro que teñen que sufrir os abusos de mando do xefe da unidade de reparto. Este responsábel coacciona aos traballadores/as para que soporten cargas de traballo moi superiores ás que poden facer fronte durante a súa xornada laboral.