Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 27/1/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Saúde cuestiona os datos das listas de agarda feitos públicos pola Xerencia do Hospital Xeral de Lugo

Lembra que en moitas especialidades se incrementou o número de doentes en espera e pide rigorosidade
A CIG-Saúde de Lugo vén de emitir un comunicado no que cuestiona os datos das lisas de agarda para consultas e intervencións feitos públicos pola Xerencia do Hospital Xeral. Dende a Federación de Saúde lembran que o número de doentes en espera para cirurxía se incrementou un nemorosas especialidades e mesmo nalgunhas non se dá cita para consulta até o 2011. Por iso, a CIG-Saúde reclama que non se banalice cunha cuestión tan preocupante e que afecta á cualidade de vida de ducias de cidadáns.

No comunicado sinálase que no referente á espera cirúrxica, e tentando cotexar os datos coa realidade interna do hospital, observouse que o propio persoal de quirófano acredita que non se produciu incremento na actividade cirúrxica na quenda de mañá e que diminuíron as peonadas de tarde até ser anecdóticas.

Dende a CIG-Saúde de Lugo amosáronse abraiados polos datos das listas, posto que dende a chegada do novo Xerente non pasaron  máis de 8 meses (con dous períodos vacacionais no medio), realizáronse intervencións de pacientes da área de Monforte xa que alí carecían de profesionais (doentes que polo tanto non engordaban as listas de espera do Hospital de Lugo), e que a comisión de programación de operacións á que o Xerente achaca a redución no tempo de espera non empezou a funcionar até despois do verán.

Diante das cifras manexadas pola xerencia do Hospital Xeral, a CIG-Sáude explica que os mil pacientes de diferencia que hai de espera estrutural entre marzo e xaneiro semella que diminuíron por causa da derivación á privada das cataratas (reduciuse á metade os pacientes totais da lista de espera) e da cirurxía vascular (que rebaixou aínda máis a lista que ollos, aínda que se descoñecen os criterios de inclusión/exclusión para esta lista).

En cambio, sinala Carme Aira, secretaria comarcal da Federación de Saúde, “tamén sabemos que un paciente oncolóxico cunhas vías venosas inoperantes debe esperar 15 días para que cirurxía vascular lle coloque un reservorio, co sufrimento que iso supón”. Ademais, explica, noutras especialidades como cirurxía xeral e dixestiva, neurocirurxía e uroloxía, incrementáronse os esperantes.

Tempos para as consulta

Con respecto ás consultas, as cifras manexadas pola Xerencia indican que en menos de un ano se foi capaz de reducir o total de pacientes que esperan entre 6 e 12 meses de 2.381 a 177, e que a espera superior a 12 meses só existe en xinecoloxía e rehabilitación. “Pero non nos dixeron que están dando veces para revisións de  patoloxía arterial e venosa para 2011 ou que hai que estar en lista de espera para pedir cita para as revisións de xinecoloxía, polo tanto é imposíbel saber canta xente habería nesta lista se se mantivera aberta para dar cita. E como nesta, pasa noutras especialidades, unha primeira vez de xinecoloxía non a hai até setembro”, aclara.

No tocante ás probas, a CIG-Saúde indica que na estatística da xerencia non figura ningún paciente agardando máis de 3 meses para revisión médica, en cambio “nós temos cita para dentro de sete meses, cada un dos que non figuramos aí pensaremos que igual nos enganan e que todos estamos entre os 20 que van esperar menos de 3 meses”.

“Todo isto lévanos a concluír que unha cousiña é a xestión das listas (puro manexo de datos estatísticos e unha boa calculadora, máis a habilidade de tomar en serio o tema enviando á privada as patoloxías máis sinxelas e á súa vez menos custosas, tendo en conta que do que nos falan é da espera estrutural, pero non da non estrutural, porque estes non figuran en ningures), e outra cousa moi distinta é a situación que vive o individuo e a súa calidade de vida”, advirten dende a CIG-Saúde.

Tratamento das prioridades

A este respecto, apúntase no comunicado, ás prioridades II e III son tratadas dun xeito teórico, xa que o feito de non ter unha patoloxía grave non significa que esta patoloxía non estea a minguar súa calidade de vida do doente, durante os meses que espera para poder pedir cita ou para que o interveñan.“Temos que dicir que sabemos que se traballa para mellorar as listas de agarda pero non é todo tan sinxelo e marabilloso como nolo contan, xa que se así fora parece que a tendencia sería ao “tempo de espera cero”, cousa pouco probábel. Non sucedeu antes do bipartito nin sucederá agora, respectando o traballo alleo diremos que agora si que saben botar mellor as contas ou contar mellor o conto”, denúnciase no comunicado.

Por este motivo, a CIG-Saúde solicita que se teña en conta ao cidadán, pois só iso dá sentido á existencia da Sanidade Pública, un principio que vai moito máis alá do manexo estatístico dos tempos de agarda.

cig.prensa@galizacig.com