marco
Vigo, 27/1/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Metal non acepta retirar a Bolsa de Contratación nin a flexibilidade horaria que queren impor para o Naval

Repártense milleiros de follas informativas no sector coa posición da CIG na cuestión da contratación
Desde a sinatura do Convenio por parte de CCOO e UGT, coa patronal, teñense dado novos pasos para tentar desregularizar máis o sector naval. A CIG-Metal denuncia que na Mesa do Naval, que debería servir para regularizar o modelo de contratación neste sector, a patronal, coa axuda dos sindicatos CCOO e UGT, queren botar abaixo o modelo da Bolsa de Emprego e aumentar a flexibilidade coa imposición dunha bolsa de horas. Diante desta situación, a central sindical nacionalista editou unha folla informativa para dar conta da súa oposición e dos últimos acontecementos neste conflito.

A todos os traballadores e traballadoras do sector naval

Como sabedes nestes días estase celebrando unha Mesa do Naval entre sindicatos e empresarios, que debería tratar exclusivamente o tema da contratación tal e como pactaron CCOO e UGT cando asinaron o Convenio.

Pero aquela decisión que tomaron rompendo a unidade sindical, deulles forza aos empresarios que retrocederon descaradamente empeorando o que xa tiñamos entón. Xa non querer regular a contratación senón que desobedecen o que marca o Convenio, aquilo que está pactado, como é a bolsa de contratación, para a que se deron un prazo de 45 dias para eliminala e que remata o 16 de febreiro.

Como poden os empresarios incumprir abertamente algo que veñen de asinar catro meses atras, e como poden permitilo os sindicatos que asinaron con eles este Convenio? Sinxelamente porque non os respectan nin eles se fan respectar. Sen Bolsa de Contratación voltamos aos tempos de antes, sen control e no que as empresas poden discriminar a quen lle apetece. Pero a situación actual é infinitamente peor que antes, porque antes todos tiñamos as mesmas oportunidades de traballo, mais agora somos substituídos en gran parte por por traballadores máis baratos, só para beneficio das empresas.

Nesta Mesa os empresarios non queren falar de regular a contratación, só queren aplicar a flexibilidade horaria, queren acumular horas extras para cambialas por días de descanso, de tal maneira que moitos eventuais nin cobrarán as horas nin disfrutarán os dias. Desde a CIG xa anticipamos que non aceptamos retirar a Bolsa nin acordar a flexibilidade horaria, porque ademais asi sobrarían moitos traballadores. Se non cambian esta actitude como sindicato estamos dispostos a contar con vós para mobilizar o sector. Non vamos consentir pacificamente isto.

Pero a demanda que fixemos durante o Convenio para regular a contratación segue en pé para nós, porque ten máis actualidade que nunca. Os empresarios contratan cada vez máis mán de obra barata de fóra, mesmo os Estaleiros. Barreras falaba de 600 empregos no barco de Bouzas, pero máis da metade son traballadores de Portugal en condicións moi inferiores ás nosas, pero non o din á sociedade. 

Emensada, Mintucal, Piperwork, Gestido, Monaga, Tuicalde, e un longo etcétera, rescindiron o contratao a traballadores de aquí e contrataron recentemente a máis traballadores de fóra, isto mesmo xa o fixeron daqueles que queren facerse máis ricos, sen respectar aos traballadores de sempre que levantamos o Naval e fixemos posíbel que eles teñan as súas empresas.

Debemos prepararnos para enfrontar este problema. Na actualidade xa hai máis de 800 traballadores na lista A da Bolsa. Se cumprisen o convenio isto non sucedería, pero se non o paramos esta lista vaise incrementar moito máis e caeremos moitos máis dos que hoxe estamos traballando. Continuará a haber traballo pero deberemos loitar por el.

Terémosvos informados dos acontecementos nos próximos dias, porque os empresarios non queren darnos nada bo, senón empeoralo, e a CIG non vai colaborar niso.