Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 27/1/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Unha traballadora de Hedegasa pasa a xornada laboral no seu coche por pedir redución de xornada para atender á súa fila

A CIG considera que se trata dun caso de acoso discrimnatorio e que se vulnera o dereito á igualdade
Hedegasa S.L., empresa de transporte de viaxeiros ubicada en Calo, no concello de Teo, deixou a unha traballadora sen ocupación efectiva e pasando as horas diante da nave, dentro do seu coche particular, como castigo por ter solicitado o desfrute das súas vacacións ao remate da baixa maternal, e unha redución de xornada para atender a súa filla. A CIG denuncia que esta actuación da empresa pode ser tipificada como acoso discriminatorio e que está atentando contra o dereito á dignidade e honor da traballadora, vulnerando o dereito á igualdade, á integridade física e moral e á tutela xudicial efectiva. Por iso, xa solicitou a inmediata intervención da Inspección de Traballo.

Nélida Pisco, condutora profesional de Hedegasa S.L. tivo unha meniña en marzo de 2009. Poucos días antes de rematar a baixa por maternidade solicitou as súas vacacións e redución da xornada, para poder atender á pequena. Ante a negativa da empresa a ambas cousas presentou unha demanda no Xulgado do Social acordándose, en acto de conciliación, que a empresa concedería o desfrute das vacacións no mes de Nadal. A traballadora, de baixa por ansiedade, foi presionada pola empresa para que non se acollera á redución da xornada e “convidada” a abandonar “voluntariamente" o seu posto de traballo.

Sen ocupación efectiva

Cando se reincorporou á súa actividade, o pasado 3 de decembro, a empresa non lle indicou cal liña debía realizar -malia solicitalo por escrito- só que ía estar de retén e que mentres realizara a limpeza dun dos autobuses de reposto (ela é condutora, con categoría profesional de condutora-perceptora). Curiosamente, na empresa, nunca houbo traballadores/as de retén.

Sen ocupación efectiva, sen liña para  realizar, sen, sequera, aparecer nos cuadrantes de traballo que mes a mes elabora a empresa, e literalmente de brazos cruzados, á espera de recibir indicación algunha, foi pasando o tempo. A empresa negoulle mesmo a posibilidade de estar na “oficina de condutores” ou de realizar outras actividades como a xestión das rutas ou cubrir albaráns de cobros.

Por se isto non fose dabondo, o día 12 deste mes, Nélida Pisco foi insultada e expulsada da sala de condutores, aparecendo ao día seguinte este despacho pechado, o que a obrigou a permanecer as horas de traballo no seu coche particular dado que senón estaría á intemperie, ao indicárselle tamén que na nave molestaba. Cómpre engadir que a traballadora tampouco pode relacionarse cos seis compañeiros.

Entre mentres, en Hedegasa S.L., hai traballadores que fan horas extra e mesmo se contratou novo persoal pouco antes de ela reincorporarse. Alén diso, a empresa chegou a denunciar ao seu compañeiro por ameazas e inxurias, acusación da que foi absolto polo xulgado nº 3 de Santiago de Compostela.

Abusivo, discriminatorio e contrario a dereito

Para a CIG, esta actitude é “absolutamente abusiva e contraria a dereito” e ten como obxectivo presionar á traballadora para que “abandone o seu posto de traballo, desprestixiala fronte aos seus compañeiros e menoscabar a súa propia autoestima”.

A CIG entende ademais que desde a dirección de Hedegasa S.L. aténtase gravemente á consideración debida á dignidade, integridade física e moral, honor e saúde de Nélida Pisco, que a consecuencia desta situación padece ansiedade, irritabilidade, sentimento de inseguridade, impotencia... que son constitutivos dunha situación de acoso discriminatorio, motivado polo feito de ser nai, ter desfrutado do permiso de maternidade, lactación e ter solicitado unha redución de xornada.

A CIG lembra que o acoso constitúe unha infracción administrativa “moi grave” e xa solicitou da Inspección que xire visita á empresa, no horario laboral da trabaladora e, logo dos trámites administrativos pertinentes, proceda a incoar expediente sancionador á empresa por estes feitos.

cig.prensa@galizacig.com