Ademais, aclaran, en Galiza sería o terceiro ano consecutivo sen oferta en Secundaria, pois a realizada en anos anteriores foi meramente testemuñal.
A CIG-Ensino esixirá que o goberno galego actúe como tal e faga uso das competencias plenas en Educación realizando oferta de emprego público en Galiza, porque do contrario estaríamos ante un novo recorte, outro máis dos que constantemente vén impoñendo o PP ao ensino público.
Segundo a información que transcendeu da reunión do Ministro de Cultura e Educación coas comunidades, Galiza sería unha das comunidades que previsibelmente aceptará a imposición centralista de non realizar convocatoria de emprego público. Deste xeito o Goberno galego estaría renunciando ás súas competencias e asumindo unha recentralización das competencias educativas, xa que a oferta de emprego é unha competencia da administración educativa galega que ten que considerar as necesidades e as carencias do sistema educativo galego, que son diferentes ás que poidan ter outros territorios do estado español. Débese considerar que esta decisión, nin sequera, respecta a posibilidade de convocar o 10 % da taxa de reposición que recolle o Decreto-Lei 20/2011 de medidas urxentes de materia orzamentaria.
A CIG-Ensino convocará para o día 1 de febreiro unha concentración reclamando unha oferta de emprego pública que dea cobertura ás necesidades do ensino público en Galiza. Esta concentración celebrarase ás 11:30 diante da Consellaría de Educación.